A RAG renova a súa páxina web e estrea dicionario de galego en liña
venres, 30 de marzo do 2012
Esta mañá a sede coruñesa da Real Academia Galega (RAG) acolleu
a presentación da nova páxina web
da institución creada en 1906, o que supón un importante achegamento á
sociedade galega, pois este espazo virtual está dirixido a un público xeral, ao
que permite o acceso aos amplos fondos documentais da Academia, como
publicacións propias, revistas e artigos sobre a lingua e a cultura de Galicia
e mesmo documentos tan curiosos como a
cédula de identificación (precedente do DNI) de Rosalía de Castro. Temos
así un recurso de grande utilidade para os interesados en afondar na nosa
cultura, aínda que entre os contidos da páxina web destaca especialmente unha versión en liña do
Dicionario da RAG elaborado seguindo as regras ortográficas e morfolóxicas recollidas
na normativa de 2003. Deste xeito, o Dicionario ábrese do mellor xeito posible
á sociedade, cumprindo coa vocación de servizo público da RAG.
Dicionario en liña en actualización constante
- Manuel González explicou os detalles do novo Dicionario da RAG
O Dicionario en liña da RAG conta con máis de 50.000 entradas, integrando o Dicionario de pronuncia
da lingua galega publicado o pasado verán e desenvolvido polo Instituto da
Lingua Galega en colaboración coa CRTVG, ou sexa, que non se limita a recoller
o significado das palabras, senón que tamén informa sobre a súa pronuncia, as
propiedades gramaticais, os sinónimos, os antónimos, o rexistro e outros datos
de utilidade para o uso correcto da lingua, construíndo o que o presidente da
institución, Xosé Luís Méndez Ferrín, prefire definir como un tesauro (ou tesouro).
Esta revisión do Dicionario da RAG supón unha importante actualización sobre a edición de 1997,
dobrando o número de entradas, incrementando o número de acepcións e
fraseoloxismos en cada artigo lexicográfico e reformulando os textos das
definicións para facelas máis precisas e naturais.
As bondades deste traballo foron explicadas por Manuel González González,
catedrático de Filoloxía Románica na USC, actual tesoureiro da RAG e
coordinador do traballo do Dicionario, quen asegurou que a dixitalización do
Dicionario permitirá a súa renovación constante, o que farán en grande medida
grazas ás achegas que vaian chegando dende a sociedade.
- Xosé Luís Axeitos adiantou que en breve teremos versión móbil do Dicionario da RAG
A consulta do Dicionario en liña tamén é máis áxil que en papel, pois entre
outras cousas conta cun sistema de busca preditivo, de xeito que cando
comezamos a escribir unha palabra o sistema proporá distintas opcións durante a
nosa escritura, chegando a adiantarse ás nosas intencións ou mesmo axudando á
escritura correcta do termo do que queiramos coñecer os detalles. A ferramenta
en liña tamén facilita compartir os seus contidos a través de Twitter, destaca
nun lateral as 10 palabras máis procuradas, suxire unha palabra á toa e mesmo facilita
un código para integrar o dicionario na nosa páxina web.
O secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos Agrelo, tamén estivo presente durante a
presentación deste novo espazo en liña, no que xogou un importante papel na súa
coordinación, e aproveitou o momento para adiantar que en breve tamén estará
dispoñible unha edición do Dicionario da RAG para dispositivos móbiles, o que
facilitará aínda máis a consulta deste índice lexicográfico.
Páxina web moi completa
Pero aínda que o Dicionario sexa o máis destacable do novo espazo virtual, é moito máis, ofrecendo dun xeito moi visual e ordenado información sobre a Real Academia Galega (historia, organización, seccións, estatutos, membros, acordos e convenios... o que tamén supón unha aposta pola transparencia do organismo), a nosa lingua, a celebración do Día das Letras Galegas, a consulta do catálogo da Biblioteca e a Hemeroteca da Academia (que nalgúns casos inclúe o acceso a versión dixitalizadas dos volumes para a súa consulta en liña), información sobre o Arquivo e as publicacións da Academia, unha relación de recursos dispoñibles en liña (como as normas ortográficas e morfolóxicas de 2003, unha Cartografía dos apelidos de Galicia, o Dicionario galego das telecomunicacións, o Dicionario galego de televisión e o Mapa sociolingüístico de Galicia) e mesmo unha sección de actualidade, que recolle novas de interese, fotogalerías e vídeos, o que supón un grande paso de cara á modernización desta institución a través das TIC. Precisamente nesta liña Méndez Ferrín declarou que "hoxe na Academia toca innovar. Con esta web a Academia sae desta casa venerable para entrar na casa de todos. É o momento de estar moi presentes na sociedade e a Academia cumpre con este mandado".
- Mendez Ferrín declarou que
hoxe na Academia toca innovar
- Manuel González dirixiu o traballo do novo dicionario durante os últimos 9 anos
- A nova páxina web da RAG está dispoñible dende as 12:00 horas de hoxe