A Rede CeMIT impartirá os cursos do Plan Ofimático de Galicia

luns, 12 de maio do 2014 Redacción

A Rede de Centros para Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) impartirá despois do verán os cursos do Plan Ofimático de Galicia, precisos para a obtención do certificado de competencias dixitais en ofimática (CODIX), que emite a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). O CODIX, engade a axencia, “acredita a formación neste materia da persoa titular, ante calquera instancia pública ou privada”.
A partir de setembro a Rede CeMIT incluirá no seu plan de formación as actividades que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 Ofimática (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade.
Os usuarios da Rede poderán acceder a esta formación a través de tres modalidades: de xeito presencial, nas aulas CeMIT; mediante a teleformación no portal CeMIT, a través de quendas tuteladas e nas datas que se determinen ou ben na modalidade autoformación empregando recursos externos á Rede.
Segundo explica AMTEGA, “poderán acceder á formación tutelada presencial ou telemática as persoas maiores de 16 anos inscritas como usuarios da Rede CeMIT”. A modalidade de autoformación realizarase de xeito independente polas persoas interesadas, mediante unha aprendizaxe autónoma ou ben a través doutros centros ou entidades de formación. Unha vez superados os cursos do Plan Ofimático os interesados en obter o certificado de competencias dixitais en ofimática deberán superar unha proba de avaliación presencial nas aulas.
A AMTEGA vén de convocar a formación “para que tanto os responsábeis da aulas CeMIT como de entidades colaboradoras da axencia obteñan a certificacións galega en competencias dixitais en ofimática”. O vindeiro luns, día 12, remata o prazo para inscribirse neste itinerario formativo que se completará no mes de xullo coa proba de avaliación. A partir de setembro, unha vez acreditados os formadores as aulas, convocarase un curso aberto á cidadanía para que poidan acceder á formación do Plan Ofimático e ás probas de acreditación do CODIX desde a Rede CeMIT.

PUBLICIDADE