A Rede CeMIT realizará en setembro as primeiras probas presenciais para a obtención do CODIX

luns, 18 de agosto do 2014 Redacción

A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) rematará na primeira semana de setembro a primeira edición do curso de teleformación para á obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX), dirixida aos responsables das aulas CeMIT e das entidades colaboradoras e de acción voluntaria da AMTEGA.
Un total de 118 persoas formadas baixo esta modalidade están chamadas á realización da proba presencial, que terá lugar na aula CeMIT do Edificio Cersia de Santiago de Compostela en diferentes quendas e de acordo coa convocatoria que pode consultarse na web do CeMIT.
Todas aquelas persoas que superen as devanditas probas obterán a certificación expedida pola Amtega, que acreditará que a persoa titular adquiriu as capacidades, as destrezas e os coñecementos globais en ofimática que compoñen o Plan formativo ofimática de Galicia, tal e como se recolle no Decreto 218/2011 que regula a citada certificación.

Cursos para cidadanía a partir de setembro

Unha vez acreditados os formadores das aulas convocaranse cursos e probas presenciais abertas á cidadanía para que poidan acceder á formación do Plan Ofimática e ás probas de acreditación do CODIX desde a Rede CeMIT, que incluirá no seu plan de formación as actividades que compoñen o Plan Formativo Ofimática de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 Ofimática (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade.
Os usuarios da Rede poderán acceder a partir de setembro a esta formación a través de tres modalidades, de xeito presencial, dentro da programación propia de cada unha das aulas CeMIT; a distancia, a través da plataforma de teleformación do portal CeMIT, EMA, onde se habilitarán quendas titorizadas en datas por determinar; ou a través da modalidade de autoformación para que poida ser realizada polas persoas interesadas, de forma independente mediante unha aprendizaxe autónoma ou ben a través doutros centros ou entidades de formación.
Cómpre recordar que os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na guía de boas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia, recentemente publicada e concretamente na súa modalidade de Software Libre, é dicir, GNU/Linux e LibreOffice.

PUBLICIDADE