A Rede come terreo ao consumo de televisión e radio nos fogares galegos

martes, 16 de setembro do 2014 Redacción

Ves a tele? Esta é a pregunta-eixo sobre a que xira Televisión e radio en Galicia, un documento de traballo elaborado a través de enquisas polo Observatorio da Cultura Galega (OCG) do Consello da Cultura Galega (CCG) e que achega, entre outras conclusións, que o consumo televisivo baixou con respecto ao ano 2012, entre outros motivos por mor do afianzamento das TIC nos fogares. Así, a expansión de Internet, a nosa particular demografía e as características socioeconómicas da estrutura poboacional galega condicionan o uso da radio e da televisión.
E cal é a razón deste cambio sociolóxico? Pois a resposta atopámola na transformación do modelo televisivo, marcado principalmente pola introdución da TDT, orixinando unha ampla oferta que fixo que mudasen os hábitos da poboación galega con respecto a este medio. Neste contexto, o Observatorio da Cultura Galega acode ao Estudio General de Medios (EGM) e aos diferentes anuarios das artes escénicas, musicais e audiovisuais (SGAE).
En cifras: os telespectadores descenderon do 97,6% do bienio 2006-2007 até o 92,3% no período 2010-2011. E entre 2013 e 2010, os galegos e galegas adicaron a esta tarefa 15 minutos menos ao día.
Emporiso, a cadea máis sintonizada no noso país, entre outubro de 2013 e maio de 2014, foi Tele 5 (19,2% de share), seguida da Televisión de Galicia (13,9%), Antena3 (13,5%) e TVE-1 (11,2%). Con respecto á TVG, en 2008 foi líder de audiencia, posición que tamén ocupou na segunda onda de 2010. As televisións locais e V Televisión suman un escaso 1% de audiencia. O estudo tamén da conta do peche de Popular TV en 2013.
Con respecto ao perfil de audiencia da TVG, o Observatorio da Cultura salienta que é maioritariamente feminina (supera o 58% do total), cun perfil de idade que supera os 65 anos (o 46% do total encádrase nesta franxa de idade), que vive en vilas pequenas de menos de 10.000 habitantes. Tomando como fonte o Anuario de las artes escénicas, musicales y audiovisuales de 2013 que elabora a SGAE, o Observatorio da Cultura analiza tamén que contidos xeraron unha maior demanda dos espectadores. Segundo esta fonte, os programas informativos son os que máis tempo ocupan na programación (un 42% fronte a un 39,6% de 2010). Descenden dun xeito notorio os espazos de ficción (un 16,6% en 2012 fronte a un 26,9% de 2010).
E se falamos da radio? Case millón e medio de galegos afirma escoitar a radio. Esta cifra sitúanos no quinto lugar con respecto ás comunidades autónomas, por detrás de Andalucía, Cataluña, Madrid e Valencia. Son os galegos e galegas que teñen entre 35 e 44 anos os que máis escoitan a radio. A franxa de idade menos interesada por este medio son os mozos entre os 14 e os 24 anos.
Do millón e medio de oíntes de radio en Galicia, máis da metade (856.000) prefire escoitar emisoras temáticas. E, dentro deles, a maioría (o 54,4%, que se corresponde con 816.000 oíntes) prefire emisoras musicais.
O estudo tamén sitúa aos oíntes por provincia. O 76% da audiencia da radio en Galicia chega da Coruña e de Pontevedra, sendo o consumo de radio máis reducida no interior.
E en canto a equipamentos? O 99,7% da poboación dispón no fogar de equipamentos para ver a televisión e o 93,3% para escoitar a radio, que sofre un descenso á baixa. Descende tamén o gasto medio por fogar no subgrupo Outros bens e servizos: soporte a rexistro de son, imaxes e datos do INE, que cuantifica en 20,6 millóns de euros o descenso entre 2008 e 2012.

PUBLICIDADE