A Rúa estrea aplicación móbil para interactuar coa veciñanza

mércores, 24 de agosto do 2016 Redacción

O Concello da Rúa vén de estrear unha nova plataforma de interacción coa cidadanía. Trátase da aplicación para dispositivos móbiles Smartville, unha ferramenta que, como indica o seu propio nome, diríxese a afianzar á veciñanza da vila ourensá nas utilidades e vantaxes das tecnoloxías intelixentes para a xestión, a comunicación e a participación. A aplicación, que se pode descargar tanto para trebellos iOS como para teléfonos con sistemas Android, require unicamente dun breve proceso de alta como usuarios e da selección de “A Rúa” como concello de referencia. O obxectivo do Concello é “dar un paso máis no seu modelo de transparencia” e achegar respostas o máis rápidas e eficaces posíbeis ás demandas da veciñanza.
A intención do Goberno local foi facer unha ferramenta móbil doada de empregar, sinxela e de estrutura simple, amais de eficaz e útil. Ten catro apartados: Perfil d@ usuari@, Noticias (con información actualizada do Concello semellante á que se pode atopar na web municipal así como nas redes sociais da Administración local); Iniciativas (onde a cidadanía pode presentar propostas propias e o Concello pode pulsar a opinión cidadá sobre distintos asuntos de interese) e Incidencias (unha canle para que a cidadanía envíe directamente información sobre avarías ou roturas de mobiliario urbano, xardíns, tránsito, lixo, limpeza viaria, alumeado público, beirarrúas, auga... e seguir en tempo real a súa resolución). Segundo sinalou a alcaldesa María G. Albert, o último apartado, o de Incidencias, é “o que supón un reto máis grande para A Rúa, sendo ao tempo o que resulta máis importante e novidoso para o Concello”.
A aplicación, que se atopa agora mesmo en período de probas, ten ademais información actualizada sobre o tempo e ligazóns directas á web, Facebook e Twitter municipais.

PUBLICIDADE