A TDT chega xa en exclusivo a 15 millóns de españois

luns, 8 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

Se hai unha tecnoloxía das comunmente incluídas no paquete TIC da que se fale nos últimos tempos é sen dúbida a Televisión Dixital Terrestre. A cousa non é para menos: implicounos a todas e todos, quixerámolo ou non, a diferenza doutras canles TIC máis optativas ou ben (por caras ou escasas ou enleadas) máis inaccesibles. Segundo as diferentes administracións implicadas no proceso de adaptación dunha tecnoloxía (a analóxica: o sinal de TV de toda a vida) a outra (a dixital: a do decodificador e os cadradiños das deficiencias na recepción), os esforzos levados a cabo foron ben grandes e os froitos recollidos están á súa altura. O balance máis recente chéganos do Ministerio de Industria, máis polo miúdo da Secretaría de Estado de Telecomunicacións, que entre outras cousas vén de contabilizar máis de 15 millóns de cidadáns (case o 32% do total) de 3.900 concellos (case a metade do total) de todas as comunidades autónomas beneficiándose xa do cese de emisións en analóxico e da recepción en exclusiva da TDT.
O departamento do Goberno recordou durante a achega do seu informe que a derradeira fase dará comezo o vindeiro 10 de marzo para os proxectos que fican pendentes no peche da transición, indicando tamén que este troco dunha tecnoloxía por outra veuse desenvolvendo de xeito progresivo para darse por rematado no 3 de abril.
O proceso de transición á TDT é un proxecto de gran complexidade técnica e cunha importante dimensión social”, engade o Goberno, “dado que a cobertura da televisión analóxica roldaba o 98,5% da poboación, e o 97,1% dos fogares españois recibe a televisión por ondas terrestres, fronte ao 41% da media europea”. Polo que respecta á cobertura da TDT, dise no balance, o sinal da TDT chega xa ao 98% da poboación, situándose o 90,5% dos fogares españois en disposición de ter acceso ás novas canles (o 7,5% restante da primeira taxa aínda non habilitou un decodificador ou levou a cabo as modificacións precisas na súa antena).
Asemade, sinálase, o 99% dos fogares do Estado asegura coñecer o novo sistema de emisión audiovisual. Polo que atinxe á cota de pantalla, a televisión dixital vai alén da analóxica en máis de 44 puntos. “En concreto”, puntualízase, “a cota de pantalla da TDT sitúase no 61,4% fronte ao 17,4% da televisión analóxica, correspondendo a porcentaxe restante á televisión por cable, satélite e ADSL”.

PUBLICIDADE