A TVG e a TVG2 incorpóranse a Vodafone TV

luns, 30 de novembro do 2015 Redacción

A operadora Vodafone España vén de anunciar incorporación das canles TVG e TVG2 á súa oferta de televisión a partir de mañá día 1 de decembro. As nosas cadeas autonómicas estarán accesíbeis no paquete Vodafone TV Esencial, ficando dispoñíbeis para todos os clientes de televisión do operador en Galicia. Segundo fai saber o operador, coa incorporación das canles públicas galegas (xunto cunha ducia de cadeas máis de todo o ámbito estatal) “dáse resposta á demanda de contidos autonómicos e locais naquelas zonas onde recentemente a compañía despregou rede de seu e nas contornas ás que está a chegar o seu servizo de televisión por primeira vez, como é o caso de Galicia”.
Amais da TVG e a TVG2, incorporáronse á grella de Vodafone as canles ETB HD, ETB1, ETB2, ETB3, TPA7, TPA8 e Canle Estremadura. A maiores, fíxoo Nova HD, Neox HD, Mega HD e MTV España. Como se pode ver, catro destas incorporacións son de alta definición (HD, High Definition), o que sitúa á operadora como “líder do mercado na emisión deste tipo de achegas”, con 65 canles na súa oferta.
Lembrar que a oferta de Vodafone TV está a ser obxecto nos últimos de importantes melloras e engadidos. Sen ir máis lonxe, este verán pasado a operadora salientaba por riba da competencia cunha oferta pola que era posíbel contratar as canles Abono Fútbol HD, Abono Fútbol 1 HD e beIN SPORTS HD por 6 euros/mes, pasando a custar 16 euros/mes para os que contrataran esta oferta máis tarde. En outubro, a maiores, fíxose pública a aposta de Vodafone por Netflix (o servizo de cine e series baixo demanda) co gallo da súa chegada ao mercado español ofrecendo 6 meses de acceso de balde ao videoclub en liña para os seus clientes.
Recordar que Vodafone TV, amais das sesenta cadeas en calidade HD que fornece na actualidade, salienta por achegar servizos avanzados como un sistema de gravación intelixente que permite gravar 3 canles á vez (con disco duro de até 500 GB), unha funcionalidade para exercermos o
control da emisión en directo (parando e rebobinando até 2 horas atrás en calquera momento) e un sistema para recibirmos recomendacións personalizadas e acaidas aos nosos gustos e intereses (a tecnoloxía achegada por Vodafone é quen de adquirir coñecemento sobre os nosos gustos).

PUBLICIDADE