A Tecnópole amplía a oferta dos seus espazos de coworking por toda España

martes, 23 de setembro do 2014 Redacción

Atopar un bo ambiente á hora de obter bos resultados nun traballo é algo fundamental e o espazo no que desenvolver (sexa cal for o labor) é decisivo. Collendo esta idea nacen os espazos de coworking, un modelo de traballo novo no que os profesionais non só comparten unha situación física, senón o interese pola colaboración con outros nunha contorna aberta e multidisciplinar. Este modelo aplicado á nosa terra vén de subir un novo chanzo no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, onde os usuarios da sala de coworking terán a partir desta semana acceso de balde a outros 18 espazos destas características repartidos por toda España.
O obxectivo é achegar un lugar de traballo e de contactos aos profesionais independentes que teñan espazo reservado en Tecnópole e que viaxen a outras localidades de maneira puntual. O novo servizo, denominado COVisa, é froito do acordo acadado por varios membros da Comunidade Coworking de España, que reúne espazos deste tipo de todo o Estado e ao que Tecnópole pertence dende que puxo en marcha a súa sala hai dous anos.
Emporiso, os ocupantes da sala de coworking do Parque Tecnolóxico de Galicia poderán empregar de xeito gratuíto durante tres días calquera dos 18 espazos adheridos ao servizo no mesmo réxime de uso que teñen en Tecnópole. Isto dálles acceso, dentro de Galicia: á sala Colaboratinne da Coruña, e fóra a espazos en: Madrid, Barcelona, Valencia, Murcia, Mallorca, Girona, Huesca e Málaga.
Alén deste novo servizo, Tecnópole habilitou un novo lugar para cubrir as necesidades do colectivo dos traballadores autónomos que non teñen a esixencia de espazo individual e con interese por interactuar con outros profesionais.
Cómpre lembrar que a sala de coworking de Tecnópole foi a primeira que se puxo en marcha na provincia de Ourense e unha das primeiras en Galicia, hai xa vinte anos. O espazo, que conta con seis postos de traballo, está dotado con servizos especialmente encamiñados á actividade dos profesionais autónomos, que poden acceder a ela de maneira totalmente flexíbel (dende un día, cun custo de 12 euros, até varios meses, por 100 euros mensuais).

PUBLICIDADE