A UDC e o CITIC organizan este xoves unha xornada de pulo ás empresas de alicerce tecnolóxico

martes, 25 de febreiro do 2014 Redacción

A Facultade de Económicas da UDC, sede das sesións

A Universidade da Coruña (Vicerreitoría de Investigación, OTRI, etc) e CITIC organizan este xoves 27 unha xornada de pulo ao emprendemento tecnolóxico en contornas académicas. O evento encamíñase a achegar recursos e craves para a conversión de ideas empresariais en iniciativas de feito, no seo da propia Universidade. A xornada vaise desenvolver no salón de graos da Facultade de Economía e Empresa, no campus de Elviña, en horario de 9 a 14 horas e de 16 a 19. Insírese no programa Aula de Innovación e Transferencia.
As sesións arrancarán cun relatorio de Carlos Gómez Otero, asesor xurídico e secretario xeral adxunto da Universidade de Santiago de Compostela, sobre o réxime xurídico do coñecemento universitario, abranguendo desde o marco legal para crear unha destas empresas ata o réxime de incompatibilidades.
Ás 12.45 horas falará Elena Pernas Verdugo, técnica de creación de Empresas de Base Tecnolóxica (EBT) e xestora do Viveiro de Empresas da UDC, quen explicará cal é o procedemento de creación das spin off e os instrumentos para favorecer a súa creación.
Xa pola tarde, ás 16:00 horas, os asistentes poderán saber máis sobre o ciclo de financiamento dunha EBT e as alternativas dispoñíbeis en business angels e capital risco. A encargada de conducir esta sesión será Yolanda Falcón García, xerente de Unirisco. Para rematar a xornada, ás 18:00 horas, presentarase a experiencia dunha EBT da Universidade da Coruña.
O público obxectivo desta xornada, de matrícula de balde, é o persoal investigador da UDC, responsábeis de Empresas de Base Tecnolóxica, técnicos de centros tecnolóxicos e axentes da I+D+i, técnicos de Oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) e alumnado de máster e posgrao que teña unha idea de negocio ou un perfil emprendedor.
“A metodoloxía da xornada”, informa a UDC, “será de participación e estará baseada na análise e discusión de situacións reais, de forma que contrastarán os contidos teóricos coa experiencia persoal dos relatores, fomentando a integración e participación dos asistentes”. A xornada vén da man da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia da UDC, a OTRI, a Fundación Universidade da Coruña, o CITIC e o Consello Social da UDC. Emprázase como dixemos no programa Aula de Innovación e Transferencia, cuxo obxectivo é dinamizar, facilitar e impulsar a fundación de Empresas de Base Tecnolóxica (EBT) e amosar experiencias sobre o proceso de creación destas entidades así como analizar as características e as problemáticas das spin off académicas.

PUBLICIDADE