A UDC recoñecerá os certificados de experiencia profesional do CPETIG
mércores, 28 de xaneiro do 2015
O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto
Barbeito, asinou esta mañá na Reitoría un convenio co presidente do Colexio
Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia, CPETIG, Marcos J. Mata
Mansilla, acordo que ten como finalidade o recoñecemento académico da
experiencia profesional a través da certificación de experiencia profesional do
CPETIG para perfís profesionais da Enxeñaría Informática (CEPRAL). Deste xeito,
a Universidade recoñecerá en forma de créditos computables para obter o título
oficial a experiencia profesional dos seus alumnos que teñen o certificado
expedido polo Colexio sempre que a experiencia se relacione coas competencias
inherentes aos títulos universitarios.
O Colexio expedirá os certificados para os alumnos das
titulacións que se imparten na Facultade de Informática da Coruña que así o
soliciten. O número de créditos que se poderán recoñecer por acreditar
experiencia laboral e profesional será o establecido nos plans de estudo
correspondentes.
O CEPRAL é un
servizo de Certificación da Experiencia Profesional para Recoñecementos
Académicos e Laborais que “xurdiu para posibilitar aos profesionais obter
una certificación da súa experiencia profesional nas actividades propias da
enxeñaría técnica informática. Cun único documento os profesionais poden
acreditar ante terceiros a súa experiencia profesional de maneira fidedigna, co
respaldo dunha institución coma o CPETIG” segundo explicou o presidente do
CPETIG, Marcos Mata.
Os certificados que emite o CPETIG a través do servizo
CEPRAL baséanse en perfís profesionais. Nestes momentos están definidos e
habilitados 13 perfís profesionais que van dende administrador de bases de
datos, xestor de proxectos a programador de software para dispositivos móbiles.