A UVigo achega contedores avanzados para desbotar aparellos e colaborar na reciclaxe

venres, 17 de outubro do 2014 Redacción

A comunidade dos campus da Universidade de Vigo vaino ter máis doado á hora de desfacerse de refugallos electrónicos e eléctricos. Refugallos que, cómpre salientalo, logo serán empregados para segundas e terceiras vidas (no caso de que sexa viábel e posíbel e todo dependerá do estado de cousas de cada trebello). Segundo fan saber fontes da Uvigo, aparellos de pequeno e mediano tamaño poderán ser depositados en dous novos contedores intelixentes que se atopan instalados xa na praza Miralles e máis na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas, onde fincarán as vindeiras semanas ata seren trasladados ao campus de Pontevedra. A iniciativa foi posíbel grazas á colaboración entre os proxectos EcoRaee, da Universidade de Vigo e Identis Weee, a través da Fundación Ecolum. Desenvólvese ao abeiro do programa europeo Life+.
En base ao acordo, a Universidade de Vigo poderá beneficiarse dunha parte dos refugallos que se depositen nos contedores, concretamente os residuos dos aparellos informáticos, que EcoRaee utiliza nos seus demostrativos nos que se valoran posíbeis usos para estes equipos, nalgúns casos para propósitos diferentes para os que foron creados en orixe. O contedor localizado agora na praza Miralles, informa a Universidade, é un depósito de gran tamaño e autónomo, que funciona con placas solares e que acubilla no seu interior varios receptores con distintas capacidades nas que se aloxan os residuos, segundo a súa tipoloxía. No caso dos contedores situados tanto na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas como no polideportivo de O Porriño son recipientes dun tamaño inferior que precisan dunha toma de corrente eléctrica para a alimentación do computador que leva incorporado.
Os responsábeis de EcoRaee, así como os seus colaboradores Revertia e EnergyLab; Identis Weee e a Fundación Ecolum, están a facer xa un chamamento á comunidade universitaria para que participe desta iniciativa, “que só no caso dos aparellos informáticos permitirá frear o incremento exponencial no volume de residuos que se dispara de xeito exponencial por causa da limitada vida útil destes equipos”, explican.

PUBLICIDADE