A UVigo distribuirá os seus libros en calquera recanto do mundo grazas a Unebook

mércores, 1 de outubro do 2014 Redacción

Hai catro anos que a Unión de Editoriais Universitarias Españolas propoñía unha idea para a comercialización de libros electrónicos das institucións integrantes en calquera parte do globo terrestre. Estamos a referírmonos a Unebook: unha plataforma dixital para comercializar os libros en todos os formatos, papel, electrónico e impresión baixo demanda. Cómpre dicir que esta iniciativa está impulsada pola dita Unión e e polas 66 editoriais científicas que integran a asociación e achegará ademais obras de editoriais universitarias iberoamericanas para a súa distribución en Europa. Amais da USC, o Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo participa neste novo portal, achegando os títulos do seu catálogo, que abrangue máis de 300 libros publicados, principalmente en papel, aínda que cun crecemento a salientar nos últimos do libro dixital.
Que podemos atopar en Unebook? Os usuarios poderán ter libros científicos, de divulgación, traducións, ensaios, edicións críticas, obras de referencia, revistas científicas, actas de congresos, teses de doutoramento ou libros de creación literaria. Asemade, Unebook incluirá na plataforma títulos publicados polas universidades españolas tanto en galego coma en catalán e euskera, así como nas outras linguas europeas.
Agora, coa ampliación de formatos, a expansión a universidades iberoamericanas e un catálogo inicial de 65.000 publicacións, trátase de posicionar Unebook como portal de referencia do libro universitario en español.
Será mañá en Barcelona, xoves 2 de outubro, o día da presentación perante os medios de Unebook, unha plataforma única tanto pola especialización como pola versatilidade a independencia, xa que é unha ferramenta de venda en liña exclusiva do libro universitario en español, está construída e xestionada de maneira autónoma e presenta unha oferta de compra mixta ofrecendo tanto formato dixital coma tradicional.

PUBLICIDADE