A UVigo e o Álvaro Cunqueiro impulsan o exercicio con VR para menores en tratamento oncolóxico
luns, 28 de outubro do 2024
O grupo HealthyFit da UVigo, o grupo de Enfermidades Raras e Medicina Pediátrica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, e máis o Servizo de Pediatría da Área Sanitaria de Vigo, queren contribuír ao benestar físico e psicolóxico das e dos menores que se enfrontan a un tratamento oncolóxico, e queren facelo botando man das ferramentas tecnolóxicas máis avanzadas e coas que nosa rapazada xa leva tempo convivindo e interactuando.
Así, a través de programas de exercicio terapéutico de oito semanas, baseados no uso de videoxogos que implican movemento nunhas lentes de Realidade Virtual, os menores poderán realizar terapias baseadas no movemento dende os seus domicilios, segundo explicou Pablo Campo, investigador do grupo HealthyFit, pertencente tamén ao IIS Galicia Sur.
“Os videoxogos son algo próximo para eles e dannos a opción de que traballen un pouco desde o punto de vista físico e cognitivo”, sinala Campo, que o pasado venres 25 de outubro impartía un curso de adestramento a persoal dos servizos de Pediatría e Oncoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, no que este expuxo aspectos técnicos e de manexo destas tecnoloxías para a súa correcta aplicación e obtención de resultados. Ademais, esta xornada formativa tivo tamén como obxecto que este tipo de tecnoloxías poidan servir de apoio na asistencia a nenas, nenos e adolescentes no Hospital de Día, mediante o emprego deste tipo de dispositivos.
“Os tratamentos de quimioterapia aos que teñen que enfrontarse as e os menores xeran unha serie de efectos adversos, como perda de masa muscular ou edemas, que o exercicio axuda a minimizar”, engadiu a doutora María Tallón, oncóloga pediátrica do Hospital Álvaro Cunqueiro, promotora desta experiencia e investigadora deste grupo Enfermidades Raras e Medicina Pediátrica, que coordina a responsábel do servizo de pediatría, Ana Concheiro. “Contribuír á mobilidade de pacientes menores que están sendo sometidos a longas terapias que inflúen no seu manexo cotiá é esencial, xa que axudan, non só a mellorar o que corresponde a manter un físico saudábel, senón a unha mellor actitude psicolóxica, que favorece o seu proceso de recuperación”, engadiu nese senso Tallón, que incide en que “a elección deste tipo de tecnoloxías é atractiva e de fácil emprego polas nenas e nenos, o que supón un método moi axeitado para alcanzar estes obxectivos”.
A iniciativa comezou cun mozo que participou nun programa piloto de oito semanas, cuns resultados “moi positivos”, como recoñece Campo, investigador da Facultade de Fisioterapia. Coa colaboración da asociación Bicos de Papel, a Fundación García Chillón e a Asociación Española Contra o Cancro (AECC), puido darse continuidade a esta iniciativa, na que participaron xa unha decena de nenos, nenas a adolescentes, de entre 6 e 16 anos. Este grupo leva a cabo este programa nos seus domicilios despois de someterse á quimioterapia, durante o propio tratamento ou, “nalgúns casos, antes de inicialo”, explica Campo, coa idea de que poidan afrontalo “nas mellores condicións físicas e funcionais”. Trátase, lembra, dun programa “cunhas pautas moi específicas”, que implican a realización de sesións, cos videoxogos seleccionados, de entre cinco e nove minutos, “un mínimo de tres días por semana e un máximo de seis”, coa idea de que poidan levalos a cabo “no momento no que o neno se atope mellor e con máis enerxía”. Para iso, sinala, “contamos coa colaboración de pais e nais”, cos que se realiza unha sesión informativa previa, “como “cun seguimento remoto dos equipos”.
Ao inicio e remate do programa realízase ademais unha avaliación dirixida a coñecer a evolución dunha serie de variábeis antropométricas e de capacidades físicas e funcionais. Ata o de agora, “todos melloran a súa forza, equilibrio e resistencia cardiorrespiratoria, aspectos ligados á coordinación e tempos de resposta...”, recoñece Campo. Nese senso, dar continuidade ao programa permitirá tamén seguir reunindo datos para levar a cabo unha investigación pioneira xa que, apunta, “ata onde chega o noso coñecemento non hai un programa parecido en ningún hospital español”.