A UVigo e o Grupo Oesía poñen en marcha unha nova cátedra centrada nas telecomunicacións
venres, 13 de setembro do 2024
A Universidade de Vigo amplía este curso a súa rede de cátedras coa sinatura dun novo convenio co Grupo Oesía, empresa española dedicada á enxeñaría dixital e industrial de uso dual, que desenvolve e implanta proxectos de innovación e transformación en 40 países de catro continentes. Esta nova cátedra é froito do interese das dúas entidades “por colaborar en actividades docentes e de investigación no eido das telecomunicacións e, especialmente, no estudo da radiofrecuencia aplicada”, explicaron.
En concreto, porase o foco en abordar cuestións como os sistemas de antenas, o deseño e simulación electromagnética destes sistemas, a súa calibración e medición, así como a aplicación de ferramentas transversais dadas pola Intelixencia Artificial, con posibilidades de ampliación cara áreas como a simulación electromagnética, os sistemas QKD ou as redes 5/6G.
Esta non é a primeira colaboración entre ambas entidades, que xa asinaron en 2021 un convenio de cooperación no eido da ciberseguridade e a transformación dixital. “Esta cátedra que asinamos hoxe”, destacaba Luis Furnells, presidente executivo de Grupo Oesía, “é un paso máis no noso camiño para impulsar o avance tecnolóxico español en xeral e galego en particular a través da formación, a divulgación do coñecemento e a transferencia e fomento da I+D+i no campo de disciplinas vangardistas”.
Pola súa banda, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, salientou deste acordo que abre as portas a colaborar no eido do doutoramento industrial, en temas relacionados con comunicacións cuánticas, IA, 5G e 6G ou fotónica, “mellorando a formación do noso alumnado e tamén ofrecéndolles proxectos potentes que eviten que outros países se beneficien do seu talento e as súas capacidades, imprescindibles para o futuro do país”.
No acto de sinatura tamén participaron a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, así como Carlos Founaud, director de Innovación de Grupo Oesía e María Graña, responsable de Innovación e Tecnoloxía de Inster-Grupo Oesía, e os directores da cátedra, os investigadores Ana Vázquez Alejos, do grupo de Sistemas Radio, e Óscar Rubiños, do de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas, ambos membros do atlanTTic, o centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo. A vicerreitora coincidiu co reitor e o presidente executivo do grupo na importancia deste tipo de colaboracións entre universidade e empresa para poñer en marcha proxectos atractivos que permitan reter o talento do alumnado e mesmo conseguir retornar aqueles profesionais excelentes que apostaron por marchar da universidade e do país.
Os coordinadores da cátedra fixeron fincapé na importancia que esta terá para a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e para o seu alumnado, xa que lles permitirá “vincularse con empresas do sector” durante a súa etapa de formación e isto axudaralles a potenciar os seus proxectos e iniciativas, que se caracterizan pola multidisciplinariedade.
Ao abeiro desta nova cátedra organizaranse actividades de formación, de divulgación e transferencia e de fomento de I+D+i. No que atinxe á formación, levaranse a cabo seminarios sobre tecnoloxías de interese común e resultados da colaboración, un programa de prácticas para estudantes, a inclusión de temas de traballo na materia Laboratorio de Proxectos de 4º curso de Enxeñaría de Telecomunicación, así como actividades académicas complementarias e o patrocinio da estudos a través de bolsas ou premios. No que se refire á divulgación e transferencia, organizaranse conferencias e encontros con outras empresas da área para visibilizar o potencial laboral e de I+D. Finalmente, no que se refire ao fomento da I+D+i, o convenio establece como prioridades a concorrencia á convocatoria de Doutoramento Industrial, o apoio á realización de proxectos fin de grao e mestrado, a organización de encontros de expertos en temas de vangarda tecnolóxica ou temas de I+D.