A UVigo lanza a 15 edición do curso para tirar proveito de Google no ámbito académico

mércores, 18 de xaneiro do 2017 Redacción

A Biblioteca Universitaria de Vigo vén de anunciar a vindeira posta en marcha da décimo quinta edición dun “clásico” da oferta formativa do campus: o curso Máis alá de google. Como buscar e xestionar información para un traballo académico. A actividade, como se indica no seu epígrafe, vai dirixida a axudar ao alumnado universitario a tirar partido do buscador como método para dar forma a diferentes tarefas e investigacións académicas. Sobre todo, no relativo á procura de datos (un labor que cómpre levar a cabo sabendo separar o miolo da palla e empregando recursos para arredarnos da sobreabundancia de material informativo). Volvendo ao curso, sinalar que o persoal da biblioteca será o encargado de impartilo a través da plataforma Faitic. A actividade, que xa se realizou no primeiro cuadrimestre, desenvolverase entre o 13 de febreiro e o 17 de marzo.
O curso, ofertado de xeito gratuíto e aberto a todo o alumnado matriculado en estudos oficiais da Universidade, ten unha duración de 30 horas. Ao longo deste tempo, sinalan os organizadores, os participantes terán ocasión de acadar “aquelas competencias básicas para o acceso e uso da información, como poden ser a autonomía na busca do material informativo, o coñecemento dun meirande número de recursos, ou o desenvolvemento da capacidade de crítica e análise fronte á gran cantidade de información existente hoxe en día”. Amais do dito, achegarase aos estudantes aos recursos precisos para facer un emprego ético e legal da información, “co obxectivo de evitar plaxios nos traballos académicos que se vaian a desenvolver”.

PUBLICIDADE