A UVigo lidera o proxecto de creación da primeira plataforma de cursos en liña de Marrocos

xoves, 12 de xaneiro do 2017 Redacción

A Universidade de Vigo presentou hoxe un ambicioso proxecto para crear a primeira plataforma de cursos en liña (MOOC polas súas siglas en inglés) en Marrocos, que a institución académica galega coordinará en colaboración con media ducia de socios europeos. O proxecto, coñecido como MarMOOC, abranguerá unha completa oferta de cursos masivos, de partida doce como mínimo, e de seis cursos privados como proposta de arrinque. A plataforma centrarase en media ducia de áreas de coñecemento prioritarias para o país norteafricano como son a economía e administración de empresas, dereito, ciencias, enxeñaría, pesca, agricultura e saúde.
Participan en MarMOOC as seguintes universidades do país magrebí: Université Abdelmalek Essaadi, Université Ibn Tofail, Université Moulay Ismail, Université Ibn Zohr, Université Internationale de Rabat, Université Privée de Marrakech, así como o Ministerio de Educación Superior de Marrocos. Todas estas entidades poderán, a través deste proxecto europeo, avanzar durante os vindeiros tres anos no proceso de afianzamento e medre do que a Universidade de Vigo cualificou de “enfoque de ensino e aprendizaxe híbrido, que combina o ensino tradicional en persoa e a aprendizaxe a distancia a través dos últimos avances tecnolóxicos e pedagóxicos, como son os MOOC e SPOC”.
A UVigo contará nesta iniciativa co apoio da Universidade de León, o Instituto Real de Tecnoloxía de Suecia, a Vrije Universiteit Brussel de Bruxelas, a Universidade de Tecnoloxía Química e Metalúrxica de Sofía, Bulgaria, a Universidade de Pierre e Marie Curie de París, Francia, e a Rede de Universidades das Capitais de Europa. O proxecto consolida as accións de cooperación internacional que a institución viguesa desenvolve desde 2002 coas universidades de Marrocos e en especial coa Université Abdelmalek Essaadi.
Na reunión de lanzamento do proxecto, que se celebrou hoxe na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, amosouse convencido que de este proxecto “vai ser un chimpo cualitativo que nos permitirá camiñar xuntos, aprender uns dos outros e facer as cousas mellor para o noso alumnado”. E engadiu: “Estamos moi interesados en colaborar para fomentar esta forma de hibridar o xeito de ensinar sen perder a esencia do ensino universitario rigoroso e excelente”. Mato tamén fixo fincapé na aposta da Universidade de Vigo por “empregar as novas tecnoloxías de xeito intelixente, para evitar que a non presencialidade non diminúa o rigor e a excelencia académica”. Igualmente, achegou un chamamento a non caermos “no exceso de información que chega a través da Rede e que afecta á sociedade”.
O proxecto, explicou, executarase arredor de cinco eixos principais: apoiar aos socios das universidades marroquís no deseño e produción de contidos educativos innovadores; dotar dunha plataforma compartida para os cursos en liña; sensibilizar en relación coa a aprendizaxe a distancia na educación superior en Marrocos e reforzar as capacidades do persoal docente e técnico, a través de formación específica impartida na Universidade de Vigo e na Universidade de Pierre e Marie Curie de París, en relación coa aprendizaxe a distancia e a instalación de equipamento específico TIC para as universidades norteafricanas a través do financiamento recibido da UE.

PUBLICIDADE