A UVigo súmase á colección Intercambio Científico, dando acceso a 14.000 libros dixitais

venres, 13 de setembro do 2024 S. P.

A Biblioteca da Universidade de Vigo sumouse neste curso ás bibliotecas universitarias que están conectadas ao programa Intercambio Científico, unha actividade impulsada pola Unión de Editoriales Universitarias Españolas, UNE, en colaboración cos servizos de publicacións de cada unha das arredor de 60 universidades e centros de investigación implicados, e que lle dá acceso á comunidade universitaria a 14.000 libros dixitais, monografías e manuais de todas as áreas de coñecemento, aínda que destacan as obras correspondentes a ciencias sociais e humanidades.
A UVigo explicou que o acordo facilita ao alumnado e ao persoal docente e investigador o acceso a través da biblioteca a todas estas obras publicadas polas universidades en formato HTML5, facilitando así a procura semántica e, por tanto, a recuperación da información e datos máis relevantes.
Desde a UVigo, o Servizo de Publicacións achega a esta colección o seu fondo editorial, integrado na actualidade por corenta cinco títulos vivos, entre os que destacan obras dos ámbitos humanístico, xurídico-social, científico-tecnolóxico, clásicos da ciencia, breviarios de divulgación do saber, materiais lingüísticos e volumes especiais fóra de colección.
O director do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, Jorge Luis Bueno Alonso, subliñou que o acordo supón “unha mostra excelente de solidariedade entre todos” e grazas ao seu sistema dual de publicación, primeiro en papel, despois en acceso aberto de balde, implantado en 2019, “puidemos contribuír modestamente ao sistema, compartir os nosos 45 volumes con Unebook e recibir acceso a esta fantástica colección de case 15.000 libros dixitais, o que nos fai sentir moi satisfeitos co noso traballo”. A maiores, Bueno Alonso tamén engadiu que “co sistema en marcha, cada ano poderemos poñer ao dispor de todos e todas unha vintena de volumes que tras o seu exitoso paso pola publicación en papel dispararán a súa difusión”.