A Unión de Consumidores advirte dunha posíbel baixada de calidade trala fusión R-Euskaltel

xoves, 30 de xullo do 2015 Fernando Sarasketa

A semana pasada, como lembraremos, Euskaltel e R anunciaron a súa vindeira integración. A nova, que semella implicar a desgaleguización definitiva do accionariado da operadora con sede na Coruña (até o de agora controlada na súa terceira parte por Abanca e o 70% restante polo fondo estranxeiro CVC Capital Partners) suscitou todo tipo de opinións na comunidade internauta, sobre todo no relativo ao devandito factor desgaleguizador (cómpre lembrar que Euskaltel farase con case todo o paquete do capital) e tamén no que atinxe á seguinte pregunta: como fai funcionar R a partir de agora? Para a Unión de Consumidores de Galicia, a información dada polas operadoras só pode ser cualificada de negativa.
A opinión dada pola entidade de usuarios contrasta de fronte co comunicado enviado por R logo do anuncio da adquisición por parte da compañía éuscara, un comunicado no que se recalcaba o feito de que unión non ía supor en ningún caso a perda de identidade galega, “xa que tanto Euskaltel no País Vasco coma R en Galicia nacemos e desenvolvémonos cunha clara vinculación ás nosas respectivas terras”. Asemade, a operadora adquirida fixo saber a súa intención de “manter as estruturas locais e os equipos de xestión, por consideralos clave dende sempre”. Malia todo isto, a Unión de Consumidores apunta que nada vai impedir unha redución na calidade do servizo para os usuarios da nosa terra, xa que as políticas de calidade e prezos serán agora as que correspondan a Euskaltel, unha firma que está por debaixo de R nos devanditos parámetros, tal e como reflectimos hai uns días dando conta do informe recente sobre servizos de telecomunicacións achegado pola Unión. Segundo afirma a entidade, en base a esta nova orde cousas, os usuarios de R poderían comezar a notar cambios.
A maiores de todo isto, está a cuestión da posíbel compra futura de Euskatel e R por parte de Vodafone (ou Orange) nos vindeiros meses (se cadra xunto con Telecable), seguindo a tónica de fusións seguida nestes tempos no sector baixo a premisa da non sustentabilidade da fragmentación territorial das operadoras. En opinión da entidade de usuarios “o acordo entre Euskaltel e R non é máis que o primeiro paso cara a ese futuro no que a competencia entre operadores será menor, un feito que podería cristalizar nunha baixada da calidade dos servizos". Para o colectivo, é positivo que “exista competencia no sector dos teleoperadores”. De antigo, engade, a baixada de prezos “sustentouse na existencia de competidores que loitaban por atraer o interese dos consumidores”. E engade: “Se o mercado do norte peninsular acaba en mans de Vodafone ou Orange, o mercado volverá ao punto de partida: unhas poucas empresas, sen competencia, manexarán o ámbito das comunicacións e a millóns de clientes”.

PUBLICIDADE