A Unión de Consumidores dá conta do estado da banda larga móbil

mércores, 13 de agosto do 2014 Redacción

Un ano máis a Unión de Consumidores de Galicia colabora coa Asociación de Internautas na difusión do seu III Estudio sobre Banda Larga Móbil, amosando que unha caída na puntuación media global (que pasou dun 6,41 a un 6,15) dos que a compañía mellora valorada sería Movistar cun 7,13 (que perdería case un punto con respecto ao ano pasado), pero cando nos afastamos das ofertas básicas de telefonía móbil, e entramos a valorar a banda larga móbil, atopamos unha grande desigualdade segundo as velocidades ofertadas.
Por exemplo, o estudio evidencia que as ofertas de 7,2 e 10,8 Mbps conseguen un caudal medio do 87% e o 79% respectivamente, mentres que para conexións de 21 e 42 Mbps apenas se chegaría ao 40%, deixando claro que queda moito traballo por facer.
A compañía con mellor resultados para conexións de 7,2 Mbps sería Movistar, cunha descarga próxima ao 99%; Vodafone sería a única compañía en ofertar 10,8 Mbps (conseguindo un 79% de descarga media); nos 21 Mbps temos que o caudal medio de Orange é do 56% e o de Yoigo do 27%. Nos 42 Mbps, Vodafone e Movistar superan o 42%, e Orange ronda o 34%.
Tamén destaca a migración de clientes de banda larga móbil ás ofertas converxentes das compañías, o que leva a unha simplificación das ofertas nos operadores máis implicados nestas modalidades de servizo. Temos así que mentres a finais de 2011 as liñas móbiles de voz e banda larga eran preto de 11,8 millón (o 26% do total), dous anos despois xa son 29,5 millóns (o 59%), pasando nas mesmas datas o empaquetamento de servizos do 49% ao 56%.
Sobre o despregamento da rede 4G, recoñecen que a información dispoñible aínda está demasiado fragmentada para poder extraer conclusións, culpando da situación á Administración, por non ter liberado as frecuencias que farán posible que os operadores poidan espallar convenientemente os seus servizos LTE, que tería que terse realizado o pasado mes de xaneiro, e que, inexplicablemente, o Executivo non regulará até despois do verán.

PUBLICIDADE