A XIX Noite Galega das Telecomunicacións acolleu un chamamento colectivo a prol dunha sanidade sustentábel e innovadora

venres, 24 de outubro do 2014 Redacción

Finalmente celebrouse na Toxa, O Grove, a dezanove edición da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, unha cita clave no noso calendario de celebracións TIC e que este ano tivo como eixe temático as cuestións (cada vez máis relevantes e con meirandes implicacións e ramificacións) da eSaúde e as tecnoloxías sociais. A Noite, que contou coa participación de 300 profesionais dos nosos ámbitos privado e público das tecnoloxías e a saúde, foi inaugurada polo decano e presidente do COETG e AETG (Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia). Falamos de Ramón Bermúdez de Castro, que aproveitou a cita para facer un chamamento ben claro: “Precisamos unha sanidade sostible e conectada co futuro”.
Na súa opinión, as TIC e a innovación en tratamentos son a pauta a seguir: “Temos unha excelente sanidade, unha das mellores do mundo, pero podemos perder esa posición de vangarda se non a facemos sostible e conectada co futuro, coas novas tecnoloxías e cos novos tratamentos”, asegurou o decano do Colexio Oficial e presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Ramón Bermúdez de Castro, durante a súa intervención na XIX Noite Galega das Telecomunicacións e a Sociedade da Información, que se celebrou este venres no Gran Hotel da Toxa.
Como dixemos, este ano a gala organizada polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia estivo dedicada á sociedade dixital e a saúde. Segundo fixo saber a organización, esta elección temática débese en parte a que “nos últimos meses as grandes compañías de telefonía móbil puxeron en marcha unha grande variedade de aplicacións dedicadas a saúde, que terán un impacto moi positivo no control dos doentes crónicos”. Ademais, débese a aposta do SERGAS e a Consellería de Sanidade a prol da potenciación das empresas tecnolóxicas galegas, cos seus programas Innova Saúde e Hospital 2050.
Á cita asistiron preto de 300 persoas, entre elas o conselleiro de Economía e Industria da Xunta, Francisco Conde; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; a secretaria xeral da Consellería de Sanidade, Josefina Monteagudo; e o xerente do SERGAS, Antonio Fernández-Campa, e unha nutrida representación dos centros sanitarios públicos e privados da nosa comunidade.
A XIX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información contou co patrocinio de Abertis Telecom, Acuntia, BBVA, Cisco, EGATEL, Ericsson, a Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo, Everis, Gradiant, Idom, Indra, Ineo, a Fundación Enxeñeiro Gerardo García Campos, Oracle, R, Retegal, Satec, Telecon, Telefónica, Televes, Tesec, Ufinet e Vodafone.
A gala, que foi presentada polo actor galego Javier Veiga, deu comezo ás nove e media da noite coa proxección dun vídeo no que se puxo de manifesto a importancia da sanidade galega, que xera 36.000 postos de traballo na empresa pública e 10.000 na privada. Neste vídeo, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, advirte da necesidade de evolucionar dende un sistema pensado para os pacientes agudos a outro que se centre nos crónicos, e nese camiño “as Tecnoloxías da Información e a Comunicación serán fundamentais”, sinala.
Trala proxección, Ramón Bermúdez de Castro, decano e presidente do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, dirixiu unhas palabras de benvida a todos os asistentes e lembrou que “aquí mesmo, nesta terra, temos creado solucións estupendas, que se están a exportar a outros países, pero que non se aplican en todas as comunidades autónomas”. E engadiu: “Aquí hai intelixencia, ciencia, saber, capacidade, innovación e dinamismo... Utilicémolos... Non nos podemos permitir formar a excelentes técnicos e enxeñeiros para que marchen”. Segundo fixo saber, “é hora de apostar pola investigación e o desenvolvemento, pola vangarda tecnolóxica e dixital, sen dúbida unha das mellores maneiras de facer país”.
Acto seguido entregáronse os Premios Galicia das Telecomunicacións e a Sociedade da Información 2014, que recoñecen o compromiso das persoas e empresas co desenvolvemento das TIC. Os sete gañadores desta edición son os seguintes:
· Premio Ingeniero Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, para Torus Software Solutions SL. Entregou o premio o director xeral de Intelsis, Gerardo García Alvela, e recolleuno Guillermo López Taboada, de Torus Software Solutions.
· Premio GRADIANT á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2014 outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, para Francisco Alberto Varela García, por Análise xeoespacial para a caracterización funcional das infraestruturas viarias en modelos de accesibilidade territorial utilizando sistemas de información xeográfica. O propio Francisco Varela recolleu o galardón de mans do director xerente de Gradiant, Fernando Jiménez Vigo.
· Premio INEO ao produto ou servizo TIC máis innovador de 2014, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, para a UTE Everis-Coremain polo seu proxecto InnovaSIS, Sistema integral de xestión de pacientes. O encargado de entregar o recoñecemento foi o presidente de INEO, Jorge Cebreiros. Recibiuno Alberto Borrego Díez, health-director de Everis.
· Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, en colaboración con Amtega, paran InfoJC S.L., polo proxecto, Dixesta: Tecnoloxías innovadoras para a vida saudable. Entregouno a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, a Javier Cebreiros, de Info JC.
· Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, para a compañía R. O encargado de recollelo foi Julio Sánchez Agrelo, director da División de Rede da compañía, a quen lle foi outorgado polo conselleiro delegado de Acuntia, D. José Manuel Sánchez Mirón.
· Socio de Honra 2014, da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia para a Cruz Vermella de Galicia. Fixo entrega do galardón Ramón Bermúdez de Castro, decano e presidente do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia. Recibiuno a presidenta da ONG na nosa comunidade, Carmen Colmeiro.
· Enxeñeiro do Ano 2014 do Colexio Oficial e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia para Gil Carlos Bernárdez Matovelle, expresidente e socio fundador da AETG, quen recolleu o premio de mans do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde.
Trala entrega dos galardóns, o enxeñeiro do ano, Gil Bernárdez, pronunciou unhas palabras en nome de todos os premiados, nas que asegurou que é “un teleco de vocación” e nas que salientou que os enxeñeiros de Telecomunicación “fomos un piar fundamental para o desenvolvemento da Sociedade da Información, pero sempre estivemos na trastenda”. Ademais, recomendou aos seus compañeiros máis novos que opten por dúas vías: “O emprendemento, que require esforzo e non é doado, ou a reconversión, para deixar de ser técnicos e virar en ‘telecnólogos’, un palabro que designa a un especialista en aplicar as TIC á mellora dos modelos de negocio dos diferentes sectores produtivos e socioeconómicos”.
O encargado de despedir a XIX Noite Galega das Telecomunicacións e a Sociedade da Información foi o conselleiro de Economía e Industria, que pronunciou o discurso de clausura.

Fotografía de grupo dos participantes na gala

PUBLICIDADE