A Xbox One actualiza o seu mando e mellora as súas vendas

martes, 27 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Microsoft está a probar unha actualización do firmware do mando da Xbox One, que xa poden instalar os participantes no programa preliminar da consola, e que inclúe como principais actualizacións un sistema de conexión rápido (redúcese o tempo de conexión do mando coa consola no momento de acendido do accesorio de entre 4 e 5 segundos até aproximadamente 2 segundos) e melloras de estabilidade (corrixindo os problemas que foron detectándose).
Para actualizar o firmware do mando os participantes do Xbox Preview Programa deben conectar o accesorio á consola por USB, conectarse a Xbox LIVE, ir ao menú, e no apartado de configuración de dispositivos e accesorios elixir o mando e logo premer na opción de actualizar, tras o que aparecerá unha mensaxe en pantalla dando conta do proceso de actualización do dispositivo.

Boas vendas da Xbox One

Esta actualización chega nun momento bastante doce para a Xbox One, pois tras un lanzamento bastante complicado, vén de pechar un trimestre moi positivo, cando menos nos EE.UU., mercado no que, xunto co británico, conseguiu converterse na consola máis vendida, con 6,6 millóns de consolas vendidas, volume bastante superior aos 4,1 millóns que colocou Sony da súa PS4, aínda que a nivel global o resultado non foi igual xa que en Europa e Xapón Sony continúa a imperar. As boas vendas de Microsoft parecen responder directamente a unha nova política de prezos, que foi posible principalmente pola eliminación do sensor Kinect como accesorio de serie da consola doméstica, que supuxo unha baixada directa de 100 euros/dólares, e que con ofertas puntuais chegou a prezos realmente sen competencia. Incluso en España é visible esta nova política de prezos, podendo atoparse a Xbox One nalgúns establecementos a un prezo de 329 euros (ou 349 euros con 3 xogos), bastante por debaixo os 371-399 euros que custa habitualmente a PlayStation 4.

PUBLICIDADE