A Xunta avalía as vocacións TIC e constata que só o 18% do alumnado optaría por estes estudos

venres, 24 de xullo do 2015 Redacción

Ao abeiro das actuacións da Axenda Dixital de Galicia vense de elaborar un estudo sobre as vocacións TIC na nosa terra. Entre outros datos salientábeis, sinálase no informe que “só o 18% do alumnado da ESO e de Bacharelato optarían por estudos científico-tecnolóxicos”. E isto, engádese, “malia que o sector galego das novas tecnoloxías da información achega emprego a 15.312 traballadores e mantense por enriba dos 15.000 profesionais desde o ano 2010”. Ademais, “en 2015 as empresas galegas deste ámbito prevén incrementar o seu número de empregados nun 30%”. As conclusións do estudo foron dadas a coñecer este 24 de xullo polo conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e pola directora da axencia AMTEGA, Mar Pereira.
Na xuntanza cos medios en Santiago tamén interviñeron o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática (CPEIG), Fernando Suárez; o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática (CPETIG), Marcos Mata; e o secretario Xeral del Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Ramón Mª Lois.
Na cita, entre outras cousas lembrouse que “un dos desafíos da Axenda Dixital de Galicia ADG2020 é o impulso das vocacións tecnolóxicas e dos novos perfís dixitais para satisfacer as necesidades do mercado tecnolóxico a medio e longo prazo”. Así pois, era preciso coñecer as causas da baixa porcentaxe de matriculados en estudos tecnolóxicos na Comunidade, de aí que se desenvolvese o informe Estudo dos Factores Influentes na Elección de Estudos Científicos, Tecnolóxicos e Matemáticos en Galicia, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a consultora Everis, unha das empresas asinantes do Pacto Tecnolóxico de Galicia. Na súa realización participaron 5.120 estudantes de 3º e 4º da ESO, e de Bacharelato de 40 centros educativos de Galicia pertencentes ás catro provincias.
Da enquisa despréndese, como dixemos, que o 18% de alumnado optaría por estudos científicos tecnolóxicos. Desta porcentaxe, un 4,4% decántase por estudos de ciclos formativos da familia de Informática e Comunicación, e un 41,3% por estudos do Bacharelato Científico Tecnolóxico. Dos que optan por un Bacharelato Científico Tecnolóxico, un terzo optaría por unha das seguintes carreiras: Informática, Telecomunicacións, Matemáticas, Física ou Química (este terzo supón un 13,6% do alumnado de 3º e 4º da ESO).
Ademais, o informe achega que preto do 40% dos estudantes enquisados non se senten capacitados para afrontar estudos de carácter científico-tecnolóxico, “sendo a denominada autoeficacia ou a percepción que teñen os alumnos das súas propias capacidades e a percepción destes estudos, os elementos clave para futuras actuacións”, apúntase na investigación, na que tamén se especifica que ante o proceso de elección dos estudios, a vocación é o principal motivo (92%) que determina o itinerario formativo dos alumnos, seguida da utilidade dos estudios para o seu futuro (78%) e a facilidade (45%).
Neste sentido, engádese, a imaxe dos alumnos sobre as carreiras científico-tecnolóxicas “é positiva”, sendo consideradas como carreiras con moitas saídas profesionais, asociadas a traballos ben remunerados e cun alto impacto na sociedade.
Tamén se explica que os pais e as nais son as persoas que máis inflúen na elección das carreiras para o 79% dos enquisados, seguidos de Internet (66%), os amigos e irmáns (45% e 44%), a televisión (41%), os titores (39%) e as visitas a empresas (19%).
Só o 26,8% de mulleres que traballan no sector TIC desempeñan funcións tecnolóxicas, fronte ao 64,3% de homes. A análise realizada puxo de manifesto que esta fenda de xénero mantense entre a poboación máis nova, posto que só o 6% das alumnas do Bacharelato Científico-Tecnolóxico elixirán as carreiras de Informática ou Telecomunicacións, fronte ao 34% dos mozos, situación na que os expertos coinciden que hai que seguir incidindo.
Recomendacións
En base a estes resultados, informou AMTEGA, un grupo de expertos formado por profesionais TIC de diferentes sectores produtivos, docentes, directores de centros, reitores, representantes de colexios profesionais, elaborará unha serie de recomendacións en torno a tres eixos: “A posta en valor das oportunidades de emprego no sector, o reforzo da autopercepción das capacidades dos alumnos e a realización de accións que dean a coñecer a experiencia persoal de mulleres profesionais do sector TIC”.

PUBLICIDADE