A Xunta colaborará co CPETIG en materia formativa

luns, 28 de marzo do 2011 Redacción

A Xunta e os enxeñeiros técnicos en Informática unirán forzas no camiño de mellorar a oferta formativa actual ligada á seguridade dixital no noso país. Así nolo conta a Secretaría Xeral de Modernización, que asinou un acordo co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) para encher determinados ocos de información e formación no eido das peritaxes xudiciais e técnicas probatorias. Esta arela materializarase na organización conxunta de accións formativas de diversa índole, entre as que se contan achegas para a divulgación das vantaxes da Sociedade da Información entre a cidadanía galega.
Segundo se establece no acordo asinado por Mar Pereira e Marcos Mata, a Secretaría Xeral achegará un total de 70.000 euros para a celebración de tres seminarios e as II Xornadas sobre informática xudicial e delitos informáticos, actividades que teñen como obxecto principal informar aos xuristas acerca dos últimos avances no eido da peritaxe e a probatoria. A finalidade última”, informan a Xunta e o CPETIG, “é dotar de maior seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica ao tempo que incrementar a eficacia da administración xudicial co uso das novas ferramentas electrónicas e forenses avanzadas”.
O acordo tamén inclúe un curso de peritaxe para achegarlles coñecemento específico aos estudantes e aos profesionais da Enxeñaría Técnica en Informática sobre as técnicas recentes en análise forense e práctica pericial, amais de formalos na normativa lega ligada ao eido da informática.
Asemade, o convenio prevé a realización dun seminario sobre aplicacións móbiles aplicadas ao negocio e, como dixemos, a segunda edición das Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos. Este evento do CPEITG porá en xogo un punto de encontro entre profesionais do eido tecnolóxico-dixital galego e os integrantes dos ámbitos xudicial e xurídico de Galicia, incluídos maxistrados, xuíces, avogados, fiscais e peritos. Amais disto, as xornadas teñen o obxectivo de “transmitirlle á sociedade a relación existente entre a informática e o ámbito xudicial, tanto pola natureza dos delitos como polas ferramentas para a súa investigación, persecución e condena; así como por de manifesto os últimos avances nesta materia”.
O acordo abrangue a celebración dun seminario sobre a Lei Orgánica de Protección de Datos (LOPD) e as redes sociais, “no que se darán a coñecer as ameazas á intimidade que poden xurdir coas redes sociais mal empregadas, como facer un uso responsable delas e que se pode facer ante os abusos e como evitalos”.

PUBLICIDADE