A Xunta desenvolve unha guía de integración TIC para persoas con discapacidade

venres, 2 de decembro do 2011 Raquel Noya

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e a secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, presentaron o informe O uso das TIC para a integración laboral das persoas con discapacidade na empresa galega

Semella difícil de crer pero, canto máis avanzamos na sociedade da información e máis son os adiantos tecnolóxicos cos que contamos para desenvolvernos no noso día a día, máis difíciles e complicadas son as aplicacións que podemos adquirir, e menor o número de persoas capacitadas para usar ditas ferramentas. Falamos de persoas maiores, persoas con algún tipo de discapacidade, persoas con apenas estudos, persoas que non teñen á súa disposición os dispositivos tecnolóxicos que temos o resto... e que quedan esquecidos na maioría das plataformas e aplicacións de última xeración que foron pensadas para xente con gran experiencia neste eido.
Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebrará mañá sábado, 3 de decembro, a Xunta non só vai facer que a súa web sexa máis accesible durante toda a xornada, tal e como falamos en días pasados, senón que, da man das secretarías xerais de Modernización e Innovación Tecnolóxica e de Política Social, presentou un interesante estudo sobre O uso das TIC para a integración laboral das persoas con discapacidade.
Este estudo pon ao descuberto os principais problemas e dificultades que atopan estas persoas no acceso á sociedade da información, para facelo público e tratar de mellorar a súa calidade de vida e o seu desenvolvemento persoal, profesional e social, na medida do posible.
A investigación foi realizada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar e dun panel de expertos integrado polos principais colectivos de persoas con discapacidade e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, e está a disposición de tódalas persoas interesadas na súa consulta, baixo licenza de Creative commons, na web do Observatorio.
Ademais, o estudo incorpora unha guía descritiva de preto de 80 aplicativos, iniciativas, dispositivos TIC e solucións de software libre que temos á nosa disposición na Rede para facilitar a integración laboral das persoas con discapacidade, algo polo que entidades públicas e privadas traballan cóbado con cóbado.
A través desta guía, os expertos achegan información dabondo para concienciar á cidadanía (e ás empresas en concreto) de que existen solucións baseadas nas TIC para salvar as barreiras de accesibilidade nas actividades laborais, e neste senso afirman que, “só avanzando tecnoloxicamente poderemos integrar plenamente ás persoas con discapacidade”.
Porén, ademais dos devanditos datos de interese sobre solucións e iniciativas, o informe tamén recolle datos sobre a situación do emprego das TIC por parte das persoas deste colectivo, e neste senso confirma algo que a maioría de nos sospeitamos sen sabelo a ciencia certa: “o grao de uso das TIC polas persoas con discapacidade é significativamente inferior ao do conxunto da poboación galega aínda que os patróns de uso das TIC deste colectivo é moi semellante ao do conxunto da cidadanía”.
Segundo o informe, as persoas con discapacidades físicas fan maior uso das tecnoloxías da información e da comunicación que as persoas doutros colectivos, e pola contra, as persoas con discapacidades de tipo intelectual son as que presentan maiores dificultades coas aplicacións TIC existentes na actualidade.
Os patróns de uso das TIC, pola súa banda, “son moi semellantes aos do conxunto da cidadanía”, di o estudo: o correo electrónico é o servizo de Internet máis usado, xunto coas comunidades virtuais (blogs, foros, redes sociais...); e tal e como ocorre no conxunto da cidadanía, o móbil é o dispositivo tecnolóxico de maior uso por parte dos galegos con discapacidade.
No acceso á sociedade da Información os colectivos con discapacidade vense afectados principalmente por barreiras formativas, tecnolóxicas económicas (como a falta de adaptación dos equipamentos) e, segundo o estudo, só en menor medida se ven condicionados por limitacións específicas derivadas da propia discapacidade, coa salvedade das persoas con discapacidade intelectual e parálise cerebral.
O informe conclúe que para paliar esta situación “as administracións deben potenciar a formación en TIC das persoas con discapacidade o que lles permitirá integrarse na sociedade da información e facilitará a súa integración laboral.”
Pola súa banda, engade, “as asociacións deben contribuír á innovación identificando as necesidades específicas do colectivo en colaboración co sector TIC e as Administracións Públicas así como indicando as prioridades no deseño das políticas e avaliando servizos e produtos TIC”.
En definitiva, unha formación axeitada ás persoas con discapacidade é o que nos vai permitir que nun futuro estea garantizado o acceso en plena igualdade aos postos de traballo, algo no que a Xunta de Galicia xa está a impulsar, a través da Rede de Centros de Modernización e Inclusión Tecnolóxica presentes en 94 concellos galegos.
Segundo informaron as autoridades na presentación do estudo esta mesma mañá, na Cidade da Cultura de Galicia, “a integración laboral das persoas con discapacidade é una das máximas prioridades do Goberno galego”, o que se reflicte no Plan Galego de Acción Integral para as Persoas con Discapacidade 2010-2013 que ten como obxectivo “fomentar a construción dunha sociedade inclusiva e integradora”, afirmaron.

PUBLICIDADE