A Xunta e AGESTIC achegan as claves do negocio dixital aos empresarios de cinco polígonos industriais da provincia de Lugo

martes, 9 de novembro do 2010 Redacción

Raquel Arias durante un acto celebrado hoxe

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, acompañada polo presidente da Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), José María López Bourio, presentou hoxe a campaña Difundetic PEME, que se desenvolverá en 20 polígonos industriais de Galicia, entre eles os de Foz, Begonte, Meira, Chantada e Sarria.
A actividade, que chegará a máis de 100 empresarios lugueses, baséase nun servizo móbil de demostración tecnolóxica, no que un técnico consultor impartirá coñecementos básicos sobre o DNI electrónico, a factura electrónica e a firma dixital, para qué serven na súa xestión empresarial e, en consecuencia, coma poden rendibilizar un proceso de cambio nas súas tarefas diarias.
É un servizo móbil de proximidade, baixo o concepto de cara a cara, evitando desprazamentos dos participantes. Está habilitado para traballar con grupos reducidos (ata 8 persoas), e equipado con ordenadores.
A delegada territorial sinalou a importancia de «estimular unha cultura da innovación e facer ver ás PEME que as novas tecnoloxías da información e da comunicación, o software e as aplicacións de xestión, responden xa a un concepto de servizo esencial e resultan imprescindibles para ser competitivos».
Arias afirmou que esta campaña redundará «na mellora dos niveis de penetración dos modernos modelos de xestión nas pequenas e medianas empresas», que tradicionalmente teñen máis complicado o acceso ás novas vías de comunicación ao contar con poucos medios «ou estar afatadas dos lugares onde se imparten con maior facilidade programas formativos».
A día de hoxe, segundo lembrou a delegada, dentro do Plan de Banda Larga de Galicia, Retegal xa ten realizado as labores de construción e adecuación das 17 torres que porá a disposición do operador beneficiario e está realizando o despregamento da rede de fibra óptica na provincia de Lugo.
Estímase que a finais de novembro se inicie a comercialización en 9 concellos do sur de Lugo, o que suporá que xa máis 21.000 habitantes poidan acceder a finais de novembro a un servizo de banda larga de calidade. E antes da fin de 2010, posibilitarase o acceso á banda larga a través de redes sen fíos a máis de 34.000 habitantes de 1.800 núcleos de poboación do sur de Lugo.

PUBLICIDADE