A Xunta e o CPEIG volven unir forzas para levar aos colexios o programa Navega con rumbo

xoves, 31 de outubro do 2024 S. P.

A Consellería de Educación e o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG) renovaron o seu acordo en materia de divulgación tecnolóxica positiva, benestar dixital e uso seguro e responsábel das redes sociais e Internet, obxectivos encadrados no programa Navega con rumbo polo ciberespazo. Este seguirá chegando ao alumnado galego este curso 2024-2025 grazas á renovación do dito acordo, na que participaron o conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Galicia, Fernando Suárez.
Navega con rumbo, que cumpre a súa 13º edición, realizará un total de 240 charlas de duración dunha hora. Estas xornadas están dirixidas ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, 1º de ESO e 1º de FP Básica para guialo cara unha navegación segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da Rede.
Por outra banda, faise partícipe ao profesorado e ás familias das recomendacións que poden aprender de xeito que tamén sexan transmisoras/es para o alumnado. Ademais, o convenio tamén recolle a elaboración dunha Guía de Boas Prácticas en Internet que estará dispoñíbel en soporte dixital na web asociada ao proxecto, como en formato impreso nos propios centros.
O convenio asinado este 31 de outubro enmárcanse na aposta do Goberno galego polo “benestar dixital do alumnado, a adquisición por parte dos estudantes das competencias pedagóxicas axeitadas para o emprego das ferramentas tecnolóxicas e que sexan coñecedores dos riscos asociados ao ciberacoso”.
O conselleiro lembrou que esta prioridade “recóllese na Estratexia Educación Dixital 2030 e no novo Plan integral contra o acoso e o ciberacoso, co obxectivo de que o desenvolvemento tecnolóxico sexa un medio de apoio ao proceso de aprendizaxe”.
Prohibición do móbil e guía de uso
Rodríguez engadiu que a Xunta está actuando “para adiantarse nos desafíos das novas tecnoloxías”. Por iso, este curso vaise lanzar un novo programa dirixido ao alumnado de Educación Primaria para favorecer o correcto uso das novas tecnoloxías, cun investimento que superará os 2 millóns de euros. Así mesmo, a Xunta vén de poñer a disposición do alumnado a Guía de uso seguro de internet e as redes sociais, un documento da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) que aborda, desde unha linguaxe sinxela e directa, efectos e riscos. Forma parte do programa Pegada dixital que se desenvolve en centros educativos desde hai dous cursos con 250 obradoiros.