A Xunta recibe o premio ás mellores iniciativas TIC 2011 da man da Fundación Dintel

xoves, 27 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

A secretaria xeral de Modernización recollendo o premio

A Fundación Dintel, dedicada á difusión da Tecnoloxías da Información e a Comunicación a nivel estatal, vén de convocar unha nova edición dos seus Premios Dintel Alta Dirección, no marco dos cales acordou concederlle á Xunta o galardón ás Mellores Iniciativas TIC nas Administracións Públicas.
Estes premios, convocados anualmente para recoñecer iniciativas e actuacións levadas a cabo no ámbito tecnolóxico, establece 10 categorías, e a Xunta foi galardoada na de Administracións Públicas pola súa dedicación e especial esforzo na aplicación das TIC en eidos tan diversos e de tanta repercusión social como a sanidade, a xustiza ou a educación.
Cabe lembrar, por outra banda, que a nosa Administración autonómica estableceu as liñas de actuación en materia tecnolóxica na Axenda Dixital de Galicia 2014.gal como folla de ruta para o impulso definitivo das novas tecnoloxías en Galicia. Unha axenda dixital, segundo aseguran, “plenamente aliñada coa Axenda Dixital Europea”, e que actúa nos diferentes ámbitos: na mellora das infraestruturas tecnolóxicas, na modernización da administración pública, na posta en marcha de servizos públicos innovadores e na mellora da competitividade dos sectores tradicionais a través dun uso intensivo das novas tecnoloxías.
Asemade, unha das primeiras decisións do actual Goberno galego en materia tecnolóxica foi a posta en marcha do Plan de Banda Larga de Galicia co obxectivo de garantir o acceso a Internet a todos os galegos e galegas. Unha aposta por conectar ao rural de Galicia co resto do mundo e unha aposta por despregar en Galicia as redes máis potentes e máis veloces do mundo. En menos dun ano da súa posta en marcha, os seus precursores aseguran que “reduciuse en 250.000 o número de persoas que carecían de acceso á Rede na Comunidade”, algo que, sen dúbida, influíu de maneira importante na decisión do xurado de concederlle este premio á Xunta.
Pero non é todo, no marco do Plan de Modernización da Administración Pública, acábase de aprobar o decreto que regula o desenvolvemento da Administración electrónica e que dará soporte ás accións para acadar unha Administración sen papeis, máis transparente e aberta 24 horas ao día e 365 días ao ano a todos os cidadáns.
A secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, será a encargada de asistir, esta tarde en Madrid, ao acto de entrega destes premios no que agradecerá, en nome da Xunta, o recoñecemento ao traballo realizado ata o de agora.

PUBLICIDADE