A aplicación galega Imos? destaca en vendas en Google Play

luns, 26 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Imos? destaca en vendas en Google Play

A guía social móbil máis enxebre de Galicia que estrou nos pasados días versión para dispositivos co sistema operativo Android, Imos?, parece querer repetir o éxito acadado anteriormente na App Store, e xa está a destacar na categoría de Viajes y guías de Google Play, onde figura no 10º posto de vendas (que sería o primeiro posto se atendemos á listaxe de aplicacións novas).
Esta ferramenta que facilita a localización de furanchos, tabernas e casa de comidas de toda Galicia, atreveuse a optar por un modelo de negocio de pagamento, estando á venda por 0,89 euros (o mesmo prezo que a súa versión para iPhone), o que podería parecer un atranco para a súa popularización, pero o seu prezo reducido non está a afastar ao público que quere aproveitar o potencial do móbil para a localización de establecementos de gastronomía e enoloxía da nosa comunidade, cun soporte social que enriquecerá esta guía grazas á súa base de usuarios.

Imos? xa conseguira despuntar en vendas na App Store

A través de Imos? non só podemos localizar furanchos e tabernas, senón que tamén podemos ver fotografías dos locais, ler comentarios sobre os mesmos (e facer os nosos) e tamén poder localizar puntos de información turística e máis de 900 praias de Galicia, converténdose nunha ferramenta moi recomendable tanto para galegos que se moven pola nosa comunidade como para turistas que desexen atopar moverse polos establecementos máis tradicionais e económicos.

PUBLICIDADE