A aplicación móbil de Facebook permitirá compartir cos amigos a nosa ubicación

luns, 21 de abril do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos días Facebook presentou unha nova funcionalidade da súa aplicación móbil chamada Nearby Friends ou Amigos Preto, que os usuarios poderán activar para descubrir aos amigos que teña preto de onde se atope, o que permitirá que incluso recibamos unha notificación cando teñamos a algúns amigos no noso contorno para, por exemplo, facilitar o contacto cos eles.
Ao estarmos ante unha característica que pode entremeterse excesivamente na intimidade de cadaquén, será posible non só activala a vontade, senón incluso definir o nivel de amizade co que queremos empregar tal funcionalidade, de xeito que poidamos limitar a función para compartir a nosa posición incluso cunha listaxe concreta de amigos (podendo activarse ou desactivarse esta función en calquera momento).
Cando compartirmos a nosa posición podemos indicar o tempo que permaneceremos na mesma, achegando así información de interese para os amigos que poidan querer coincidir con nós. Pero esta funcionalidade non está limitada a buscar un contacto presencial, senón que tamén pode resultar de grande utilidade nas viaxes, xa que poderemos ver os lugares polos que están actualmente os nosos amigos, o que pode ser unha boa oportunidade para recomendarlles un restaurante ou calquera outro local.
Esta nova prestación estrearase nas vindeiras semanas nos EE.UU. a través das aplicacións para iOS e Android de Facebook.

Esta nova funcionalidade poderá alertarnos cando teñamos amigos no noso contorno

PUBLICIDADE