A banda de metal Vortex enfía con actividades de geocaching e realidade virtual a promoción do seu novo disco

martes, 30 de agosto do 2016 Redacción

A música abre camiños alén do estritamente musical, mesmo no tecnolóxico. Así o entenden os integrantes da banda de metal Vortex, nada en Pontevedra no ano 2011 (ao abeiro do Local de Música) e arestora rematando a gravación do seu segundo traballo discográfico, un CD que é un traballo artístico en si mesmo pero que tamén constitúe un convite a coñecer o espazo urbano que os viu medrar como artistas. Para este convite, lanzado coa colaboración das Concellerías de Promoción da Cidade e Xuventude, Vortex está a desenvolver unha semana de geocaching, que é como se coñece ás quedadas de procura colectiva de tesouros botando man das novas ferramentas tecnolóxicas. A banda, por certo, está formada por Jacobo Sainz (guitarra e voz), Marcos Rodríguez (guitarra), Víctor García (baixo e coros) e Jonathan Portela (batería). Segundo informan, a actividade de geocaching esténdese até o venres 2 de setembro. A partir de aí, ábrese o prazo de inscrición para participarmos nun concurso de fotografía (e ao remate de 2017 levarase a cabo a presentación oficial do novo disco).
Respecto da semana adicada ao geocaching, vén acompañada dunha intensa actividade nas redes sociais e dun proxecto innovador que engloba a cidade de Pontevedra: o concepto de MetroMinuto. Consiste en agochar 25 discos do primeiro álbum de Vortex, Confessions, en lugares estratéxicos do MetroMinuto. O reto é írmolos atopando. De facelo, temos que facernos unha foto no emprazamento urbano do achado e subila logo a calquera rede social atinxindo a banda coa etiqueta #GeoVortex. De facelo así, gañaremos unha camiseta exclusiva de Confessions e entraremos no sorteo de 10 copias físicas da súa nova achega discográfica. As pescudas vanse dando nas redes sociais, tanto as da banda como as do Concello. Isto obriga a facer seguimento e a irmos incrementando as comunidades.
Respecto do concurso de fotografía, trátase de fotografar a banda en lugares representativos de Pontevedra, seguindo un roteiro e con diferentes posicións. Os concursantes teremos liberdade artística para obtermos a nosa imaxe, cumprindo só dous requisitos: que saian os catro integrantes da banda e que se vexa a paisaxe da cidade. Logo, escolleremos dúas fotos finais que se subirán ao sitio de Vortex no Facebook. As cinco máis votadas de todas as fornecidas serán as finalistas. Delas sairá a gañadora que será escollida por un xurado formado por representantes das partes implicadas e fotógrafos/as profesionais que non participaran no concurso. A persoa gañadora obterá un paquete de produtos da banda, unha exposición durante a presentación do disco na Casa da Luz e o uso da fotografía para toda a promoción do disco. A inscrición, e o envío de imaxe realizarase a través do correo da banda (vortexpontevedra@gmail.com).
A maiores, farase un videoclip da canción extraída do disco en formato 360 graos, publicitándose de maneira complementaria nos medios e nas webs e acompañando a campaña con promoción de Pontevedra.
O disco presentarase de maneira oficial na Casa da Luz como empresa participante da iniciativa Pontevedra ten un Puntazo. A novidade será que os asistentes poderán visualizar e escoitar o videoclip do single do novo disco acompañados dunha experiencia VR a través dunhas gafas de realidade virtual.

PUBLICIDADE