A biblioteca de Brión pon a disposición da comunidade escolar un servizo de contidos dixitais de acceso libre

xoves, 23 de outubro do 2014 Redacción

A biblioteca pública municipal de Brión informou da posta a disposición da cidadanía dun novo servizo de contidos dixitais en liña de especial interese para a comunidade escolar, ou sexa para o profesorado, o alumnado e as familias por enteiro dos nosos pequenos e adolescentes. O servizo inclúe “múltiples recursos e ferramentas” de gran potencial de uso para os eidos de segundo ciclo de Primaria e Educación Secundaria. Estamos a falar de AulaPlaneta, en palabras do Concello de Brión “unha solución 100% dixital dirixida especialmente á comunidade educativa”.
Entre as súas principais características, engaden os seus responsábeis, AulaPlaneta salienta por botar man “do maior banco de contidos dixitais, o do Grupo Planeta”, xuntando as posibilidades desta inxente base de datos “coas metodoloxías de ensino e aprendizaxe máis innovadoras”. O resultado, din, é un servizo que facilita moito o labor do profesor, amais de impulsar a motivación do estudante e a implicación das familias.
Dende a biblioteca municipal tamén fan fincapé no proceso de medre no que está mergullada a plataforma AulaPlaneta, un proceso que atinxe non só as demandas formativas dos alumnos (abrangue as necesidades académicas dos plans de estudo de 5º e 6º de Primaria e toda a etapa de Educación Secundaria Obrigatoria), senón tamén ás escolas ás que chega (máis de 2.000 centros educativos españois).

PUBLICIDADE