A campaña en liña O Mundial fala galego colle novos folgos co inicio do campionato

venres, 13 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

Co gallo do comezo do Mundial de Fútbol de Brasil e das vagas de insolidariedade (esas primas e eses soldos para os xogadores) e de totalitarismos patrióticos que adoitan acompañar o campionato (esas bandeiras españolas que dificilmente representan a realidade e o día a día dos españois e moito menos aínda ás súas diferentes identidades e sentires), a asociación AGAL quere lembrarnos que hai outros xeitos de celebrar a competición. Para comezar, podemos celebrala na Rede e en galego, e que mellor que apoiármonos para isto nos nosos irmáns da lusofonía?
Para AGAL, cómpre que lembremos unha vez máis que portugués e galego son a mesma lingua, polo que esta edición brasileira do Mundial é un privilexio ao noso dispor, “xa que será desenvolvido na nossa língua própria”. Para promover e amosar ao máximo esta circunstancia, AGAL desenvolve dende hai días na Rede a campaña O Mundial fala galego.
Para metérmonos en situación, vense de lanzar tamén un vídeo sobre os motivos para celebrar a competición ao xeito de AGAL.
A campaña, en palabras dos integrantes da plataforma, susténtase sobre a necesidade de promover a nosa lingua e facelo internacionalmente, unha lingua que, para quen non o saiba, abre importantes portas e oportunidades alén das nosas fronteiras, “se sabemos e queremos aproveitá-las coletivamente”, sinalan. O feito de que Brasil fale galego, e máis polo miúdo de que o Mundial tamén o faga, constitúe claramente unha destas “oportunidades”.
A campaña en Internet, sinalan, ten varias fases. Nunha primeira convidouse á comunidade en liña a que contase as razóns de que o galego sexa unha lingua mundial. O pasado 17 de maio graváronse dous vídeos específicos para a campaña, vídeos nos que se amosaba “que a nossa língua vale para o futebol de pachanga (para o dia-a-dia) assim como para o maior campeonato deste desporto (para os eventos mais importantes”. A última fase da iniciativa de promoción e divulgación comeza esta semana mesma co arranque da competición. Ao longo do desenvolvemento, AGAL e os membros da campaña colocarán no sitio web da mesma diversos contidos en portugués relacionados con Brasil 2014, e todo “para poder acompanhar toda a atualidade e informaçom arredor deste evento, mas sempre na nossa língua”. O obxectivo é que “durante esta última etapa esta mensagem de internacionalizaçom do galego chegue à maior percentagem da cidadania galega possível, é por isso que durante o mundial a AGAL vai ter umha presença mínima nas principais webs que tenhem o galego como língua habitual, e também nas especializadas em futebol”.

PUBLICIDADE