A campaña publicitaria da plataforma eMonte.es, distinguida polo Concello de Santiago

mércores, 5 de outubro do 2016 Redacción

O Concello de Santiago vén de recoñecer unha iniciativa dirixida a tirar partido das redes para favorecer a compravenda de madeira na nosa terra, a plataforma dixital eMonte.es. Máis polo miúdo, o Concello decidiu premiar a estratexia de promoción da dita plataforma levada a cabo polos seus responsábeis: a campaña de mercadotecnia #TeñoMonte. A distinción insírese no marco da cuarta convocatoria do Concurso de Publicidade Comercial en Galego lanzado polo Goberno compostelán. O galardón e a campaña foron dados a coñecer este mércores pola concelleira de Igualdade e Desenvolvemento Económico, Marta Lois, acompañada do director de E-Monte, Víctor Rivas, e da directora da compañía de mercadotecnia Esgalla, Natalia Martínez.
A campaña distinguida levará a cabo até finais de novembro tres eventos nas rúas de Compostela e dous concursos a través das redes sociais. A finalidade desta iniciativa de promoción é, por unha banda, dar a coñecer eMonte.es (a primeira plataforma de compra/venda de madeira entre propietarios e propietarias forestais e empresas) e, por outra banda, recuperar os nomes tradicionais do monte galego coa colaboración das persoas que teñen monte en propiedade e da propia veciñanza da cidade.
Este sábado 8 de outubro será a quenda da primeira cita. Así, entre as 10:00 e as 13:00 horas, na Praza de Abastos instalarase un photocall ao carón da fonte no que as persoas interesadas poderán participar escribindo nun encerado o nome da súa parcela de monte. As 75 primeiras persoas que se fagan unha foto co nome do seu monte levarán de agasallo un pequeno carballo procedente de Viveiros Salgado (Beán, Ordes).
As outras dúas citas de #TeñoMonte coa veciñanza serán os días 21 de outubro e 4 de novembro en diferentes emprazamentos.
Segundo se fixo saber na rolda de prensa, todos os propietarios forestais que enchan un formulario durante algún dos tres eventos devanditos na rúa entrarán no sorteo dunha noite para dúas persoas nos aloxamentos de Do Artesanato, nas Cabanas do Barranco ou nas Cabañitas del Bosque.
No encontro cos medios tamén se fixo saber que a campaña de premios e incentivos terá unha vertente dixital, co fin de “achegarse tamén a un público máis novo e urbano que está máis afeito a utilizar as redes sociais e as ferramentas en liña”. O primeiro sorteo concibiuse como unha versión dixital do photocall, na que os participantes terán que responder a través do Facebook como se chama o seu monte e onde está.
A segunda actividade online consistirá nun concurso de textos breves, tamén vía Facebook. Para participar haberá que contar unha anécdota sobre o monte (algo que nos aconteceu nunha paraxe concreta, unha historia escoitada sobre un monte, un achegamento a como era antes). O público decidirá cos seus votos cales son as mellores historias.
Cada unha das persoas gañadoras destes concursos dixitais recibirá como premio unha noite para dúas persoas nas Cabanas do Barranco ou nas Cabañitas del Bosque.

PUBLICIDADE