A compostelá Situm Technologies faise co primeiro premio YUZZ
mércores, 17 de decembro do 2014
A iniciativa YUZZ Mozos con ideas, dirixida polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE)
e patrocinada polo Banco Santander, celebrou
esta mañá en Madrid unha gala na que deu a coñecer os tres proxectos gañadores
da edición 2014 do programa de emprendemento.
A compostelá Situm Technologies proclámase
vencedora da quinta edición de YUZZ a nivel nacional. Presentada por Adrián Canedo Rodríguez e
Víctor Álvarez, a empresa de
localización en interioresrecibe 30.000 euros en concepto de financiamento
económico para seguir impulsando o seu proxecto e a súa tecnoloxía. O podio
desta nova gala complétano Métrica6, de Juan
Francisco Cáliz González, e MOOBEAT,
de Anna Almenar Ribes, que recibirán unha dotación económica de 20.000 e
10.000 euros, respectivamente.
Nesta quinta edición do programa, máis de 500 mozos tiveron a oportunidade de
formar parte dun gran proxecto de sete meses de duración, no que se lles
brindou formación e titorización personalizada para o desenvolvemento e
maduración das súas ideas de negocio.
A primeira selección de YUZZ tivo lugar o pasado outubro, nela
escolléronse 24 emprendedores (representantes dos seus centros locais) para
viaxar do 7 ao 12 de decembro a Silicon Valley e poder asistir a master class con expertos e sesións
inspiradoras no berce do emprendemento e a innovación. O representante
galego desta fase foi Situm Technologies, unha empresa dedicada ao deseño e
ao desenvolvemento de sistemas de localización e navegación en interiores para smartphones
que ofrece servizos xeoposicionados que se basean na creación de aplicacións para
móbiles e permiten, entre outros:
1) guiado de persoas en grandes superficies,
2) busca de produtos e tendas en centros comerciais
3) promocións personalizadas para cada usuario (sobre a base dos seus hábitos e
posición en tempo real)
4) estudo de comportamento de clientes en tenda (p. ex. traxectorias, puntos
quentes, etc.)
5) información sobre a posición de empregados en tempo real (p. ex. en
fábricas)
6) audioguías geoposicionadas para museos.
Esta startup constituíuse en
febreiro de 2014 e púxose en marcha en xullo xuntando o talento de tres
investigadores (Víctor Álvarez Santos, Cristina Gamallo Solórzano e Adrián
Canedo Rodríguez) do grupo de robótica formado no CITIUS. Este non é
o seu único recoñecemento, senón que tamén se fixeron
co premio Smart Ideas dentro do proxecto Smart City da Coruña e tamén
participan noutros proxectos de emprendemento como Open Future Galicia.