A comunidade open source galega lanza iniciativa socio-tecnolóxica para mellorar o mundo: Little Social Projects

xoves, 14 de abril do 2016 Fernando Sarasketa

A comunidade Ghandalf, centrada no pulo ao software libre (e tamén na divulgación e na formación en tecnoloxías sen cancelas), vén de informarnos dunha interesante iniciativa galega que, botando man da fórmula do open source colaborativo, encamíñase a materializar proxectos solidarios, sociais, sen arela de lucro, destinados a “mellorar o mundo”. Falamos de Little Social Projects, cuxa web aparece xa inzada de detalles sobre o seu alcance e sobre os exemplos prácticos sobre a súa aplicación. A idea “é basicamente que un grupo pequeno de xente se xunte temporalmente para levar a cabo unha acción que teña unha pegada positiva na sociedade”. Un dos principais impulsores de Little Social Projects é Quico Prol, tamén co-responsábel de BricoLabs.
Arestora xa está en marcha unha iniciativa primeira en fase de planificación. A meta desta proposta, chamada Ulo Deporte?, é xerar información compartida e libre para botarnos unha man á hora de atopar instalacións deportivas na nosa terra a través de Internet. E todo a través da fórmula do gratuíto e da información cen por cen libre.
Máis polo miúdo, Ulo Deporte? aposta por engadir a información relativa a cada instalación deportiva en Openstreetmap.org, a plataforma en liña de mapas de datos abertos e xestionada por comunidades sen arela de lucro.
Volvendo a Little Social Projects, a súa filosofía apóiase nun piar fundamental: o fornecemento de xerar datos abertos. Segundo nos conta os impulsores, “todo o proceso de planificación, realización e avaliación de cada proxecto será descrito de maneira pública e transparente, para que outras persoas poidan aprender da experiencia, reproducir o proxecto noutro lugar e mesmo mellorar o resultado”. Sen dúbida outro dos puntos fortes das iniciativas abrolladas de Little Social Projects é o preto que están, dende a súa orixe mesma, de seren finalmente unha realidade. Isto acádase grazas espírito colaborativo, aberto e independente, que prepara o terro para “o autorrealizábel e o acreditado”, explican os coordinadores desta forxa solidaria, engadindo que outro dos obxectivos é fomentar as solucións que “impliquen o menor número de recursos económicos e da forma máis eficiente posíbel”.
Amais, non se desbota (senón todo o contrario) a posibilidade de colaborar con organismos como ONG, asociacións, institucións públicas, empresas, comunidades, e de feito “fomentamos a colaboración de todo o mundo”, explican os impulsores de Little Social Projects.
Por certo que respecto dos posíbeis ámbitos temáticos nos que traballar, os proxectos xerados poden ser educativos, tecnolóxicos, humanitarios, artísticos, ecolóxicos ou de calquera tipo, “sempre que teña unha finalidade clara e consensuada de mellorar ou solucionar un aspecto social concreto”.

PUBLICIDADE