A coruñesa CIE Tecnoloxías amosa en Santiago as súas alternativas tecnolóxicas de aforro enerxético

venres, 7 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

Finalmente, tal e como viñamos anunciando nos días previos, a firma coruñesa CIE Tecnoloxías celebrou este xoves en Santiago un seminario sobre eficiencia enerxética e metodoloxías para abaratar custes na factura eléctrica. A cita, á que acudiron representantes de máis de vinte compañías, desenvolveuse no Centro Demostrador TIC (CNTG) da man do director comercial de CIE, Ángel Santín, que abriu a xornada poñendo de relevo unha importante carencia de información no noso tecido empresarial: “O novo modelo de xestión enerxética no que as empresas poden acudir a unha poxa optando por diferentes firmas subministradoras segundo os seus intereses segue a ser un gran descoñecido para a maioría das compañías”. Para Santín, esta é a situación actual no sector empresarial e público da nosa terra, onde a factura enerxética é, cada vez máis, un lastre para a súa viabilidade. A sesión celebrada no Centro Demostrador TIC dirixiuse, precisamente, a botar luz sobre todo isto.
Máis polo miúdo, no seminario explicáronse as claves do novo sistema de tarifas e as oportunidades dunha xestión dirixida por unha consultora e baseada no control telemático do consumo. Á sesión de CIE acudiron, entre outros, representantes de Televés, a Universidade de Santiago (USC), o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Vodafone, Gadisa e Emalcsa.
Segundo explicou Santín, para moitos empresarios a factura do luz segue a ser “unha única cifra a finais de mes”, xa que non poden coñecer os detalles do gasto e polo tanto, atopar onde se pode aforrar. “Os sistemas de xestión telemática que nós implantamos”, explicou, “fan sinxelo o achado dos consumos residuais, por exemplo en horas que non son laborais, e optimizar o consumo”. Outra posibilidade que se ofrece é a de negociar coas subministradoras enerxéticas e seguir as poxas de enerxía que permiten en ocasións mercar electricidade a custe cero (excluíndo os impostos). Para CIE, estes sistemas de eficacia estanse a converter en ferramentas indispensábeis para as empresas, sobre todo cando xa se albisca unha nova quebra do sistema eléctrico español, que amorea un déficit de 28.000 millóns de euros. Dende a empresa galega, apuntan a que ese burato “débese sobre todo ás primas que reciben certas enerxías como por exemplo as eólicas, e que implican uns custes e uns intereses que o Estado paga aumentando os impostos”. Deste xeito, engádese, a cidadanía estaría a pagar uns 800 millóns de euros de intereses polo devandito déficit, que non é outra cousa que débeda. Polo tanto, sinalou Santín, a luz vai seguir subindo e as empresas deben artellar unha optimización dun gasto que en ocasións supón o 60% dos seus custes operativos.

PUBLICIDADE