A división de videoxogos da Warner prepara 5 títulos para plataformas móbiles

martes, 3 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Warner Bros. Interactive Entertainment non se conforma con lanzar grandes xogos para consolas domésticas, e quere beber do éxito dos xogos para dispositivos móbiles, polo que anuncia que está a desenvolver 5 novos títulos deste tipo que chegarán ao longo do ano. A filial de videoxogos da Warner leva un tempo collendo as rendas do negocio dos videoxogos da súa compañía matriz, en vez de deixalos a compañías alleas que licencien as súas marcas, de xeito que nos últimos catro anos lanzaron 25 xogos que superaron os 150 millóns de instalacións.
O primeiro xogo móbil anunciado hoxe pola Warner é Batman: Arkham Underworld, desenvolvido por Turbine, e que xa permite a inscrición á súa fase de probas. O título convídanos a construír o noso agocho en Gotham City, para formar e adestrar a un exército de matóns cos que dominar a cidade. No xogo farán acto de presenza viláns do universo de Batman: Arkham como Riddler, Harley Quinn e Killer Croc.
O mesmo estudio tamén está a traballar en Game of Thrones, un xogo baseado na popular serie de televisión no que haberá que participar en combates estratéxicos para facerse co control dos Sete Reinos.
Dos NetherRealm Studios chegará unha curiosa proposta, Mortal Kombat X, que en vez de ser unha adaptación directa do xogo de loita de acción pura e dura que veremos en consolas, combinará a loita con cartas e escenas cinemáticas, facéndoo máis xogable en dispositivos móbiles, á vez que se diferenciará claramente da proposta arcade tradicional.
Un título que xa está dispoñible en múltiples plataformas, LEGO Batman: Más Allá de Gotham, tamén dará o salto ao móbil e ás tabletas nos vindeiros meses da man do mesmo estudio (TT Games) e manténdose no Universo DC dende WB Games San Francisco chegaranos DC Comics Legends, un xogo de rol móbil no que coleccionaremos a heroes e viláns da banda deseñada que formarán equipos para superar distintos enfrontamentos.

PUBLICIDADE