A dixitalización das administracións, a debate o 26 de xaneiro en Santiago

martes, 10 de xaneiro do 2017 Redacción

O vindeiro xoves 26 de xaneiro Santiago vai acoller unha xornada de debate e reflexión arredor da Administración Electrónica e os seus principais retos a curto, medio e longo prazo. O Seminario Modernización Dixital das Administracións Públicas en Galicia vén da man da Fundación SOCINFO e da revista Sociedade da Información e conta co patrocinio das compañías galegas SIVSA, especializada en servizos tecnolóxicos avanzados de xestión, e ABANCA. Tamén se contará coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), o SERGAS, a Deputación de Lugo e os Concellos de Vigo e Santiago. O programa de actividades dará comezo ás 9.00 horas coa acreditación e entrega de documentación. Logo, ás 9.30 horas, será a quenda de José García Méndez, director da revista Sociedade da Información. Ás 9.40 intervirá a directora de AMTEGA, Mar Pereira.
A mesa primeira debate, prevista para as 10.00 horas, contará coa presenza de Almudena Chacón, interventora xeral da Consellería de Facenda (Xunta), José María Franco (responsábel de Solucións de Innovación, SIVSA) e Jorge Prado (xefe de Servizo de Soporte e Implantación do SERGAS). Ás 12.00 horas, logo da quenda de preguntas e o descanso para o café, será a quenda da mesa segunda, na que intervirán Pablo Rivera, deputado da Área de Innovación da Deputación de Lugo, e Javier Albertos Benayas, responsábel de Modernización e Innovación do Consello de Vigo. Na mesa terceira, a derradeira da xornada, participará Natalia Prieto, directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa da Consellería de Presidencia, e José María Barreiro, director xeral de Función Pública da Consellería de Facenda. A clausura virá da man do alcalde de Santiago, Martiño Noriega.
Segundo informa a organización, o audio do evento será envorcado logo da celebración da actividade na web de SOCINFO, podéndose acceder de balde ás intervencións individuais de cada un dos relatores. Tamén se pendurará na web a presentación ou documentación utilizada polos participantes nas mesas. Ademais, realizarase un resumo do evento que se publicará en formato revista na web de SOCINFO.
O seminario celebrarase no Edificio Abanca da praza de Cervantes, en Santiago. A inscrición no evento é de balde para funcionarios de sector público e empresas privadas non tecnolóxicas, nin consultoras. A inscrición de persoas de sector privado tecnolóxico ou consultor ten un custo de 199 euros (IVE incluído).

PUBLICIDADE