A empresa de Betanzos Disashop lanza unha tarxeta para controlarmos o gasto en liñas 800

venres, 7 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

A empresa galega Disashop, con sede principal en Betanzos, quere contribuír coa súa experiencia a evitar que o peto do usuario de telefonía se baleire cada vez que contacta con números de tarificación adicional. Máis polo miúdo, o que vén de presentar a firma, en colaboración con Jazztel, é unha tarxeta prepago, a Tarxeta 800, lanzada de xeito específico para as liñas 803, 806 ou 807.
Entre as vantaxes que achega este servizo, de gran potencial para usuarios de liñas de adultos, de lecer ou de asesoramento de tipo profesional, é que fornece de minutos extra e tarifas especiais que contribúen a controlar o gasto a través de modalidades prepago. Isto, sinalan fontes da empresa galega, significa que os usuarios de liñas eróticas, contactos, ciencias ocultas, concursos, xogos ou asesorías de índole profesional poden supervisar directamente o seu saldo e controlalo dun xeito máis eficaz antes, durante e despois de cada chamada.
As tarxetas estarán dispoñíbeis en modalidades de 10, 20 e 50 euros, e tamén se poden empregar para realizar chamadas que non sexan de tarificación adicional a destinos nacionais e internacionais.
Podemos acceder a elas nos puntos de venda de Disashop en toda España (15.000 establecementos), e locutorios, tendas 24 horas, quiosques, estancos, pequenos comercios do sector, etc.
Lembrar que Disashop é unha compañía con presenta internacional, con sede principal en Betanzos, e que distribúe servizos electrónicos prepago en España, EE UU, Perú ou República Dominicana.

PUBLICIDADE