A estrea da aplicación Train2Go inaugura a I Xuntanza de adestradores e deportistas de Galicia

martes, 9 de febreiro do 2016 Redacción

O deportista galego Antón Ruanova é un dos principais impulsores da aplicación

Adestradores e deportistas teñen unha cita este xoves 11 de febreiro ás 19:30 h para reunírense na primeira Xuntanza de adestradores e deportistas de Galicia na sede de 3&Run (rúa Restollal- Compostela). Neste contexto tan deportivo levarase a cabo a presentación dunha nova aplicación de xestión de adestramentos en liña que xa manexan senlleiros deportistas como Pedro Nimo, José Rioseco, Juan Carlos Brión ou Gustavo e Rubén Rodríguez, trátase de: Train2Go.com.
Indo á ferramenta, cómpre dicir que foi desenvolvida por tres emprendedores ligados ao mundo do deporte como son o triatleta Antón Ruanova, Luís Fraga e David Iglesias, o que garante a súa funcionalidade, posto que os responsábeis deste traballo incluíron no enxeño todo aquilo que eles mesmos e os seus compañeiros botaban en falta á hora de planificar e xestionar adestramentos deportivos.
Así o testemuñan os que xa están a empregar Train2Go, pois aforra “moito tempo e esforzo”, tanto aos adestradores como aos propios deportistas, grazas a unha interface moi intuitiva, sinxela e cómoda que permite controlar o traballo cotián de xeito doado, amais de facilitar a comunicación entre o deportista e adestrador.
Dende o equipo de Train2Go.com subliñan que a meta a perseguir con esta aplicación é a de “axudar a adestradores (profesionais ou non) a conseguir os seus obxectivos, ben sexa gañar máis diñeiro ou conseguir máis tempo libre para eles mesmos”, e á súa vez “diferenciarse da competencia feroz do sector achegando valor aos seus deportistas mediante a nosa ferramenta”.

PUBLICIDADE