A fibra óptica de 30 Mbps de Movistar pasa a 50 Mbps de balde

luns, 3 de outubro do 2016 Marcus Fernández

O anuncio de Movistar durante o XXX Encontro de Telecomunicacións e Economía Dixital organizado por AMETIC de incrementar a velocidade básica da súa fibra óptica vén de levarse á práctica, e xa podemos ver como nas tarifas de fibra óptica as conexións xa non son de 30 e 300 Mbps, senón de 50 e 300 Mbps, o que supón un salto moi interesante para moitos usuarios que, sen ter que dar un salto a unha tarifa superior, ven como a súa conexións se adapta mellor para, por exemplo, o consumo de vídeo en ultra alta definición.
Os actuais clientes da fibra óptica de Movistar que teñan contratado unha liña cunha velocidade de 30 Mbps poden solicitar o paso aos 50 Mbps totalmente de balde a través dun formulario dispoñible na páxina web da compañía ou contactando co servizo de atención ao cliente.
Con este cambio de velocidade Movistar colocaríase na liña dos seus principais competidores, xa que operadores como Orange, Vodafone, Jazztel e MásMóvil xa tiñan a súa fibra básica nos seus paquetes combinados en 50 Mbps simétricos, e aínda que algunha compañía aínda ofrecía conexións máis lentas, o novo escenario previsiblemente levará a que incrementen as súas velocidades en breve.

As novas tarifas de Movistar xa teñen os 50 Mbps como a velocidade básica de acceso á Rede

PUBLICIDADE