A firma galega OpSeeker mellora a saúde financeira da mocidade holandesa

luns, 12 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

A firma innovadora OpSeeker, con sede en Compostela e especializada en adestramento financeiro en liña, está a levar a cabo unha importante actividade de asesoramento entre os usuarios dos sistemas e servizos financeiros holandeses. A empresa, da que falamos hai pouco para salientar a súa participación na aceleradora de proxectos tecnolóxicos Startupbootcamp (sectores fintech e ciberseguridade), estableceu un acordo con Rabobank e Vivat, dúas das entidades bancarias locais máis importantes e innovadoras, para estudar xeitos de mellorar a economía da mocidade do país. Esta traballo con Rabobank e Vitat permitiralle ao equipo impulsor de OpSeeker, en última instancia, contribuír á optimización do sistema financeiro holandés. “Isto non é máis que outra proba de que en Galicia hai talento, e moito”, explican dende a firma galega.
Como dixemos, a presenza de OpSeeker en Holanda fortaleceuse o pasado mes de outubro, cando foi elixida pola aceleradora fintech máis importante de Europa, Startupbootcamp, con sede en Holanda. A firma galega, de feito, foi unha das 11 startups, de máis de 540 que se presentaron á convocatoria, seleccionadas para o programa de aceleración nos devanditos eidos de actividade.
Gonzalo Camiña Ceballos, Lucie Hefnerová e Carlos Rodríguez Raposo, 3 dos 4 fundadores da empresa, están a traballar desde Amsterdam para facer “o seu soño realidade”. Ou sexa, para fornecer ás novas xeracións dos recursos que lles permitan mellora a súa saúde financeira. Sen ir máis lonxe, esta semana, o 8 de febreiro, participarán no Demo Day da dita aceleradora, evento que os emprendedores galegos culminan o programa e presentan, perante máis de 400 profesionais do mundo financeiro europeo, o traballo desenvolvido ao longo dos últimos tres meses.
Segundo explican, a súa experiencia en Startupbootcamp foi “inmellorábel”. O programa de aceleración, de feito, permitiulles traballar diversas partes do negocio e operar, por exemplo, con profesionais da interpretación e de creación de contidos para mellorar a súa comunicación. Amais, dispuxeron do asesoramento de mentores que lles axudaron a fortalecer áreas tan importantes como o desenvolvemento de cliente e de produto, a cultura de empresa ou a parte tecnolóxica.
A respecto de toda esta bagaxe acumulada, Gonzalo Camiña, director executivo de OpSeeker, sinala que “este programa marcou un antes e un despois na nosa startup, permitíndonos, entre outras cousas, obter en tres meses o que en circunstancias normais conseguiríamos en dous anos”. Porén, tamén recoñecen que o traballo foi duro e que lles ocupou moitas horas da semana, chegando a vivir, nalgunhas xornadas, practicamente na oficina de seu. Tamén lles valeu, ademais, para que Rabobank, o segundo banco cooperativo en Holanda, líder de mercado nunha chea de segmentos, e Vivat, unha das maiores aseguradoras do país, fixáranse no labor OpSeeker e na súa proposta principal: utilizar as finanzas de comportamento a favor do usuario para así conseguir dúas cousas moi importantes, que os usuarios novos empecen a entender a importancia de investir a longo prazo e que o se lancen a investir dunha maneira axeitada.
Para quen non o saiba, as finanzas “condutuais”, ou finanzas do comportamento, son un eido que se centra na psicoloxía dos investimentos. Naceu a finais dos 70 da man de Armos Tversky e Daniel Kahneman e este ano o premio Nobel de Economía recaeu no máximo estandarte desta corrente de pensamento na actualidade, Richard Thaler, autor de libros como Nudge (un pequeno empuxón) ou Misbehaving.

PUBLICIDADE