A fundación CENTAC quere impulsar na nosa terra a accesibilidade TIC para persoas con diversidade funcional

mércores, 13 de marzo do 2013 Redacción

A Fundación Centro Nacional de Tecnoloxías da Accesibilidade (CENTAC) reuniuse este martes 12 de marzo con representantes da Xunta de Galicia para “abordar e impulsar” proxectos, de maneira conxunta, que fomenten o acceso das persoas con diversidade funcional ou motriz ás TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). A xuntanza, informa CENTAC, mantívose coa secretaria de Política Social, Coro Piñeiro, contándose tamén coa presenza de Patricia Toubes, subdirectora da Promoción de Autonomía Persoal e Martín Amado, subdirector xeral de Tecnoloxías da Información. Os tres representantes da Administración autonómica amosaron á devandita fundación os traballos e liñas estratéxicas que se están a desenvolver en materia de loita contra a exclusión dixital dos devanditos colectivos.
Por parte da fundación CENTAC asistiron Francisco Javier Rodríguez Castro (en representación de Telefónica en Galicia), Paulino González (Vodafone Galicia) e Juan Luís Quincoces, director xeral da Fundación CENTAC. O obxectivo do encontro, como dixemos, foi abordar a situación e necesidades actuais de accesibilidade TIC na Xunta e coñecer os proxectos e iniciativas que o Goberno galego ten previsto pór en marcha nos vindeiros anos, co obxectivo de axuntar esforzos e propor accións conxuntas na mesma dirección. Estas reunións de traballo, informa CENTAC, responden á vontade da fundación “de colaborar activamente dentro de cada Comunidade Autónoma para potenciar o desenvolvemento da industria española de tecnoloxías accesibles, fomentar o deseño para todos, o acceso ao uso das TIC a nivel local, e acadar a mellora da calidade de vida das persoas”.

PUBLICIDADE