A galega 2Mares faise un oco entre as gañadoras das olimpíadas tecnolóxicas europeas

mércores, 5 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

Os gañadores do certame StartUp Games na rúa Downing Street de Londres

A empresa galega 2Mares recibiu a semana pasada un importante recoñecemento ao seu labor, un pulo que segundo informan fontes da compañía, con sede en Vigo, representa tamén un recoñecemento aos socios e clientes que confiaron no proxecto e no seu medre internacional. Falamos dunha actividade celebrada no marco dos Xogos Paralímpicos de Londres 2012, celebrados os días pasados, que serviron de marco para os StartUp Games, as olimpíadas de empresas tecnolóxicas europeas que o Goberno británico organiza para atraer empresas TIC con alto potencial. A empresa galega concorreu con Intellixente, unha solución para servizos de atención ao cliente en redes sociais, que resultou elixida entre os gañadores do concurso.
A actividade comezou cun proceso inicial de escolma ao que se presentaron máis de 500 empresas de 20 países, seleccionándose finalmente un total de 120 compañías que competiron durante tres xornadas amosando os seus produtos e tecnoloxía. O exame da súas propostas foi levado a cabo por profesionais da escena tecnolóxica de Londres e de empresas de primeira fileira (Google, JPMorgan, Bloomberg Ventures, etc).
2Mares o devandito produto foron elixidos entre os 16 gañadores, que foron conducidos nun dos clásicos autobuses da cidade, aínda que amosando un deseño futurista, até o número 10 de Downing Street, onde foron obxecto de diversos premios, sinalan fontes da empresa galega. Segundo nos conta Enrique de Miguel, CEO de 2Mares, “ademais da satisfacción de ter obtido este recoñecemento ao esforzo do equipo da empresa nos últimos 2 anos de traballo, esta foi unha oportunidade excelente para dar a coñecer a nosa tecnoloxía e produtos nun mercado como o de Reino Unido, e establecer contactos que nos van a axudar no camiño de construír un produto global así como a internacionalización da nosa empresa e mercados”.

PUBLICIDADE