A galega CINFO fixo realidade a retransmisión dos Goya con tecnoloxía multicámara

luns, 8 de febreiro do 2016 Fernando Sarasketa

CINFO, filial da operadora de raizame galega R centrada no vídeo intelixente e no descubrimento de contidos, fixo posíbel un dos principais puntos fortes da pasada cerimonia dos Goya (a edición 30), celebrada este pasado sábado e retransmitida en exclusiva por RTVE. Pois ben, nesta nova entrega de galardóns do cinema e o audiovisual estatal, contouse coa tecnoloxía de CINFO para dar forma ao que sería, en palabras da firma, “o primeiro evento directo emitido en España en modo multicámara para televisión dixital con conexión a Internet, HbbTV”.
Segundo engaden fontes da empresa, con esta tecnoloxía multicámara o espectador puido decidir cal dos seis planos simultáneos que se achegaban na retransmisión do evento ficaba no seu televisor. Tamén se lle subministrou a opción de manter as seis xanelas abertas, ou ben (para os máis tradicionais) optar pola retransmisión ao uso.
Como lembraremos, CINFO foi recentemente noticia, tamén, pola compra de Syntheractive, start-up galega con sede no CITIC e adicada ao fornecemento de tecnoloxía audiovisual avanzada. Por exemplo a plataforma Synthetrick, concibida para crear (en tempo real), executar e entregar vídeo sintético interactivo.
Volvendo á experiencia deste sábado nos Goya e os recursos que a fixeron posíbel, sinalar que estes están ao alcance da man dos espectadores que teñan unha televisión compatíbel con HbbTV (TDT híbrida) conectada a Internet. Para tirarlle partido, cómpre que premamos no mando o botón vermello das aplicacións interactivas de TVE a acceder así ao menú de navegación, logo teremos que elixir os diferentes planos do acontecemento que se estea a retransmitir con esta tecnoloxía, neste caso concreto que nos ocupa a cerimonia dos Goya. “Cunha simple pulsación”, engadiu CINFO, “os espectadores da entrega dos premios do cinema puideron fixar unha das cámaras ou, cos botóns de dirección, desprazarse a outras cámaras para ter unha perspectiva máis variada”.
Un dos puntos fortes da tecnoloxía de CINFO baséase na “redución do tempo de resposta ou latencia nos cambios de escena”, que segundo a empresa “redúcese a unhas milésimas de segundo”. Polo tanto, poderemos cambiar de punto de vista de maneira “fluída e instantánea”, converténdonos “en realizadores na nosa propia casa”.
Como resultado da aplicación na gala da tecnoloxía multicámara interactiva de CINFO, o público nos seus televisores puido centrar a atención, “máis que nunca”, no escenario, “pero tamén no patio de butacas para captar as reaccións de gañadores, candidatos e a equipa de cada unha das producións nomeadas”. Durante a emisión, 26.000 fogares conectáronse unha media de 2,5 veces, multiplicando nalgún momento por dez os resultados do ano pasado. Segundo fontes de CINFO, as empresas implicadas na produción e os espectadores cualificaron a experiencia do sábado de “experiencia nova e enriquecedora” para proporcionar unha visión máis completa e personalizada do evento.

PUBLICIDADE