A galega Disashop lanza un programa para mellorar a satisfacción dos seus usuarios en toda España

martes, 14 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

A empresa galega Disashop de produtos electrónicos prepago, da que temos falado con motivo do seu servizo para controlarmos o gasto en liñas 800, segue a achegar innovación dende a súa sede principal de Betanzos. E faino, desta volta, cun novo programa de captación de clientes. A iniciativa chámase Un Puntazo e diríxese, en palabras da empresa, “a potenciar a confianza e satisfacción dos seus usuarios, así como ofrecer múltiples vantaxes aos 7 millóns de persoas que cada ano recargan o seu teléfono móbil ou mercan produtos prepago na rede de 15.000 establecementos Disashop en España”. Formar parte deste programa é moi doado, engade a firma. Unicamente é preciso realizar unha recarga de móbil nun establecemento da dita cadea e rexistrarse na web unpuntazo.com.
Con cada recarga, os usuarios obterán puntazos que poderán trocar na dita páxina por agasallos directos e boletos para sorteos de grandes premios: un coche, un soldo dun ano, viaxes, cartóns Visa con 100 euros de saldo, recargas de móbil, etc. “Cantas máis recargas, máis puntazos”, informa a empresa galega.
Amais do devandito, a campaña ten un factor interesante que cómpre termos en conta nestes tempos que corren: o factor aforro. Segundo explica Disashop, “os usuarios de recargas de móbiles e puntos de venda Disashop poderán mercar produtos na tenda online www.disashoponline.com empregando os puntos amoreados para obter o mellor prezo”.
Sobre Disashop
Disashop está hoxe en día á cabeza do mercado español de distribución de produtos electrónicos prepago. Conta cunha rede comercial de máis de 20.000 puntos de venda en catro países: España, Estados Unidos, Perú e República Dominicana. Disashop opera ademais con algunhas das principais compañías de telecomunicacións e medios de pago electrónicos do mundo, ofrecendo servizos tanto a particulares como a empresas. Actualmente Disashop xestiona 500.000 transaccións diarias e en 2012 acadou un volume de máis de 300 millóns de euros en vendas. Entre os servizos a particulares que ofrece están os seguintes: recargas a teléfonos móbiles nacionais e internacionais, venda de tarxetas telefónicas internacionais, medios de pago e pago de facturas.

PUBLICIDADE