A galega Hijos de Rivera estrea unha aplicación de seu para iPhone e iPad

venres, 11 de novembro do 2011 Raquel Noya

A empresa galega Hijos de Rivera, que está detrás de produtos tan coñecidos como a cervexa Estrella Galicia ou a auga mineral Cabreiroá, foi sempre unha das firmas do sector que máis apostou por levar as tecnoloxías máis avanzadas e innovadoras ao seu seo, obtendo uns resultados inmellorables en termos de funcionalidade e axilidade para os seus empregados e clientes.
Desta volta, sabedores de que a verdadeira comunicación co cliente radica agora no móbil, vía Internet, os responsables da compañía veñen de subir un novo chanzo na súa aposta pola tecnoloxía máis punteira do mercado, e acaban de incorporar ás súas ferramentas de traballo a Plataforma de información comercial para contornas móbiles de Apple, iPic, desenvolvida pola galega Altia.
Trátase dunha aplicación para iPhone e iPad que lle permite aos usuarios e usuarias o acceso inmediato á información actualizada da compañía, mediante un formato máis cómodo e “user friendly”, con gráficos e cadros que se xeran de maneira automática.
A ferramenta é moi atractiva e funcional, e permite acceder en tempo real ás bases de datos e estatísticas que mostran a actividade da compañía.
E todo isto sen perder un ápice de seguridade, pois o conxunto de fluxo da información desenvólvese en contornas seguras, de xeito que se garante a confidencialidade dos datos en todo momento.
Con este sistema, as persoas usuarias teñen total accesibilidade á información da compañía a través dos seus móbiles, así como total liberdade para usar posteriormente os informes, análises, estatísticas... que o sistema xere.
E é que a iPic, ofrece un amplo abano de opcións para o filtrado, o despegue e a combinación de datos e indicadores, que se poden xerar á medida de cada solicitude e do perfil que se introduza para cada usuario, mellorando así a súa mobilidade e capacidade de toma de decisións.

PUBLICIDADE