A galega Librebit é elixida por LibreOffice para os seus procesos de migración ofimática

mércores, 10 de agosto do 2016 Redacción

A consultora galega tecnolóxica e informática Librebit vén de ser nomeada por The Document Foundation como empresa especializada á hora de levar a cabo as Migracións Profesionais a LibreOffice. Con este recoñecemento a empresa de Vigo ten o acceso a recursos da fundación para organizar proxectos de migración de Microsoft Office a LibreOffice co soporte dos desenvolvedores, equipo de QA (Quality Assurance) ou formación.
Emporiso, cómpre dicir que este paso foi dado logo de ter pasado un complexo proceso de certificación polo miúdo de proxectos anteriores xa realizados, en curso e entrevistas persoais. Grazas a isto, a fundación a cargo de LibreOffice achega servizos a través dos profesionais certificados.
Achegándonos un pouco á empresa Librebit, sinalar que arestora está a dar soporte técnico á Xunta de Galicia no proceso de migración a LibreOffice como suite ofimática en máis de 16000 equipos do empregado público. Engadir que este proxecto se realiza a través de AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre) e foi iniciado en 2013 coa realización da Folla de Ruta na que se reflectían as directrices a seguir tomando como referencia o protocolo de Migración da fundación para despregamentos a grande escala.
Alén disto, Librebit segue a apoiar a outros proxectos de Software Libre como: Owncloud, Nextcloud, RoundCube ou Debian.

PUBLICIDADE