A galega NUbINGS lanzará en setembro un revolucionario dispositivo que achega aforros de enerxía do 20%

luns, 1 de agosto do 2016 Fernando Sarasketa

A innovación galega en materia de emprendemento e novas tecnoloxías non descansa. Boa proba disto é a posta en marcha recente de NUbINGS, start-up da nosa terra centrada en tirar partido dos recursos cloud para permitirnos o emprego da enerxía máis rendíbel, eficiente, eficaz, económico e sustentábel posíbel. Segundo nos contan os impulsores da iniciativa, lanzarán en setembro “un desenvolvemento tecnolóxico revolucionario” que permitirá optimizar ao máximo o consumo enerxético do fogar”. Os primeiros resultados desta solución achegan os mellores agoiros. En termos concretos, nas probas acadouse para os usuarios unha media do 20% en materia de aforro.
O funcionamento de NUbINGS baséase nunha análise en tempo real do gasto dos electrodomésticos e da iluminación empregando uns pequenos gadgets con sensores sen fíos e con capacidade de autoinstalación. Os dispositivos envían (a través da conexión a Internet do fogar) os datos de consumo a un software desenvolvido pola compañía que xestiona a información. En base a un algoritmo propio de análise, a ferramenta devolve os resultados individuais dos electrodomésticos e os perfís de consumo global.
Segundo engaden os responsábeis deste desenvolvemento, “a plataforma NUbINGS posibilita cuantificar os aforros ao conectar a información de consumo solicitada coa súa base de datos, na que se inclúen todas as tarifas eléctricas do mercado”. En base a isto, engaden , o sistema fornece información sobre como contratar a mellor tarifa para o usuario e, tamén, é quen de avaliar de maneira personalizada o gasto de cada circuíto eléctrico (que adoita coincidir cun único electrodoméstico). Isto último deixa o camiño aberto para rastrexar a Rede na procura da mellor alternativa para cada aparello avaliado e incrementar desta maneira a rendibilidade e a sustentabilidade. Neste senso, a ferramenta non só ten capacidade para enviar suxestións dos aparellos potencialmente candidatos senón que mesmo permite efectuar a compra dos mesmos.
Ademais de todo o devandito, o sistema presenta múltiples funcionalidades engadidas. Por exemplo, podemos empregalo para detectar avarías de electrodomésticos e mesmo como alarma ante posíbeis roubos.
Como dixemos, en setembro está prevista a posta á venda do primeiro milleiro de dispositivos. Trátase de aparellos avanzados ensamblados aquí mesmo e que xa se poden ir reservando a través do portal web da plataforma, onde tamén existe a posibilidade de facermos probas coa última versión da aplicación.
“O noso obxectivo”, explican os creadores de NUbINGS “é liderar a curto prazo o mercado español da tecnoloxía de fogares intelixentes, un ámbito que se estima terá un incremento anual medio dun 67% entre 2015 e 2019, cando se calcula que acadará os 490.000 millóns de dólares, segundo un estudo de Business Insider Intelligence”.
NUbINGS é unha start-up afincada en Santiago de Compostela na que participan Enrique Comesaña, Pablo Otero e José Rodríguez, doutores pola Universidade de Santiago de Compostela nos ámbito TI (Tecnoloxías da Información), da Electrónica e da Eficiencia Enerxética. A compañía, como lembraremos, gañou o proceso de aceleración de novas firmas innovadoras VíaGalicia (auspiciado pola Xunta de Galicia e o Consorcio da Zona Franca de Vigo). Tamén participou en Galicia Open Future, o centro galego de crowdworking tecnolóxico de Telefónica.

PUBLICIDADE