A galega Nanogap reforza o seu espallamento coa posta a punto do seu laboratorio de California

xoves, 16 de abril do 2015 Fernando Sarasketa

A empresa galega Nanogap, referente no deseño de nanofibras de prata, vén de dar pasos de xigante no seu proceso de afianzamento en novos mercados, principalmente no dos Estados Unidos, e máis polo miúdo no seu centro de operacións tecnolóxico: California. En detalle, Nanogap conta xa cun laboratorio de seu en Richmond. Para este proceso de internacionalización, a empresa galega contou co apoio (dende os seus comezos) de Unirisco, a sociedade de capital risco das nosas universidades. Lembrar que as nanofibras, unha das bases da actividade de Nanogap, úsanse no deseño de pantallas táctiles para dispositivos intelixentes e tabletas.
A firma xurdiu en 2006 como unha spin-off da Universidade de Santiago, contando arestora con sede principal en Milladoiro, Ames. A tecnoloxía sub-nanométrica é a base da súa actividade na planta de California.
Respecto ás cifras da súa traxectoria recente, no último ano Nanogap incrementou nun 25% o seu persoal, integrado por un equipo de 30 profesionais; na súa maioría físicos, químicos e enxeñeiros químicos. A compañía posúe clientes en Europa, Estados Unidos e Xapón. No últimos tres anos a súa facturación incrementouse un 75% de media anual, e recentemente pechou unha nova rolda de financiamento por valor de 2,2 millóns de euros cos seus investidores: Unirisco, sociedade de capital risco participada polo tres universidades galegas, entidades financeiras e grupos empresariais (Abanca, Banco Pastor, Banco Portugués de Investimento, Construtora San José, Inditex, R e Consorcio da Zona Franca de Vigo); Uninvest, sociedade xestora de entidades de capital risco participada por Unirisco; e Xesgalicia, sociedade de capital risco da Xunta de Galicia; rolda á que se sumou Caixa Capital Risc, xestora de capital risco de La Caixa.

Tatiana López, conselleira delegada da empresa

Ao fío da actividade da firma e os seus obxectivos, a súa conselleira delegada, Tatiana López, explica que “o nanómetro é a unidade de lonxitude equivalente á millonésima parte dun milímetro”. E engade: “Cando o material é tan pequeno aparecen propiedades sorprendentes que non existen a escalas máis grandes, estes materiais amosan unha gran actividade a moi baixas concentracións e ofrecen un amplo abano de potenciais aplicacións”.
A tecnoloxía que desenvolve Nanogap, comenta, é un “ingrediente esencial” para o desenvolvemento de múltiples aplicacións nos eidos máis diversos. Así, pódense destinar para a fabricación de pantallas de televisores curvas e flexíbeis; pantallas de todo tipo de dispositivos móbiles e electrónicos tamén flexíbeis; ou para dispositivos de iluminación LED flexíbeis, fabricados mediante electrónica impresa. Trátase, en palabras dos responsábeis da firma galega, “dunha materia prima con múltiples aplicacións”. Por exemplo: circuítos impresos, sensores, adhesivos condutores para a industria aeronáutica, etc. Ademais, os materiais desenvolvidos pola empresa son útiles na creación de circuítos electrónicos impresos para a súa aplicación en antenas RFID, cuxo sinal permite localizar un produto concreto. Así nolo conta David Fernández, responsábel de Innovación: “É como un código de barras que se pode ler a distancia; por exemplo detéctase a entrada e saída de produtos nun almacén e vanse rexistrando nun computador de maneira automática, sen necesidade de escanealos de maneira individual”.
Outra das súas aplicacións é o desenvolvemento de sensores de caducidade en alimentación, mediante a incorporación nos envases de sensores electroquímicos. Tamén serven para integrar novos sensores de diagnóstico dirixidos á detección precoz de doenzas e a evitar falsos positivos, mediante o emprego de materiais que emiten sinais ante a presenza dunha anomalía no organismo.
En relación á industria aeronáutica, colaboradores da empresa desenvolveron un adhesivo condutor para substituír as soldaduras de chumbo, que son moi contaminantes, en circuítos electrónicos, desenvolvemento baseado na tecnoloxía de Nanogap.
Respecto da súa capacidade de xerar tecnoloxía propia, sinala que a empresa solicita cada ano, como mínimo, unha nova patente. Nestes intres conta cunha ducia delas presentadas, das cales catro xa lle foron concedidas en varios varios países de Europa, Estados Unidos e Asia. Segundo afirman os responsábeis da empresa, unha das claves do éxito é contar “cunha tecnoloxía única en AQC (Clústeres Cuánticos Atómicos), que é a base de todas as súas patentes”. Trátase, informan, de partículas inferiores a 1 nanómetro, agrupacións de átomos que presentan múltiples aplicacións que só é quen de fabricar a escala industrial, explican, a empresa galega Nanogap.

PUBLICIDADE